Lorena Peleteiro será a candidata do Psdeg-Psoe á alcaldía de Punxín

Lorena Peleteiro será a candidata do Psdeg-Psoe á alcaldía de Punxín co obxectivo de acadar un goberno de progreso e de propiciar o cambio que tanto precisa o municipio.

O PSdeG-PSOE de Punxín destaca “o traballo levado a cabo pola actual voceira municipal, como a mellor carta de presentación da nosa candidata ás eleccións municipais do 28 de maio”

AVANTAR ACTIVIDADES

Peleteiro afirma que “asumo novamente esta elección con moita responsabilidade, pero tamén con moita ilusión e disposta a traballar por Punxín e as súas xentes, como levamos facendo estes catro anos”

Punxín, 19 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Punxín vén de dar a coñecer a que será a súa candidata á alcaldía de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. Lorena Peleteiro Vázquez repetirá como candidata, co obxectivo de acadar un goberno de progreso no municipio e de optar por políticas enfocadas a traballar a carón da veciñanza, escoitando as súas inquedanzas e resolvendo os problemas cotiás.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín destacan que “o traballo levado a cabo nos últimos 4 anos por Lorena Peleteiro, actual voceira municipal, é a mellor carta de presentación da nosa candidata e deixa claro que se trata dunha persoa que loita día a día na procura dun Punxín mellor e no que a veciñanza teña uns servizos dignos”.

A Agrupación Socialista de Punxín afirma que se presentan a estas eleccións municipais “cunha enorme ilusión e cun proxecto serio e pensado para que o noso municipio avance”, apuntan tamén que “é o momento de darlle un cambio ao noso concello, de volvelo a converter nun referente, polo que estamos convencidos de que 2023 será o ano de Punxín”.

Lorena Peleteiro Vázquez, actual voceira do grupo municipal socialista en Punxín, e candidata á alcaldía por segunda vez, afirma que “asumo novamente esta elección con moita responsabilidade, pero tamén con moita ilusión e disposta a traballar dende o minuto un por Punxín e as súas xentes, como levamos facendo estes catro anos”. A candidata do PSdeG-PSOE fai fincapé en que “temos un propósito claro, que é traballar os vindeiros 4 anos dende o goberno municipal”.

Peleteiro Vázquez destaca que Punxín “precisa dun cambio, un cambio na forma de gobernar, un cambio que implique escoitar á veciñanza e dar resposta aos seus problemas e inquedanzas, un cambio que traia dunha vez por todas un goberno de progreso para o noso concello”. Dende o PSOE de Punxín finalizan afirmando que Lorena Peleteiro “é a mellor candidata para propiciar o cambio en Punxín”.