Manuel Baltar agradece ao exalcalde de Paderne de Allariz “toda unha vida dedicada á xestión local e á leal cooperación institucional”

O presidente da Deputación reuniuse no Pazo Provincial con José Manuel Fernández para recoñecer “unha longa traxectoria na política máis próxima ao cidadán, que lle permite coñecer como ninguén a realidade de Paderne de Allariz, rodeado dun excelente equipo de persoas”

Manuel Baltar remarca o “enorme compromiso público” dun home que “agora seguirá traballando dende o seu rol de concelleiro a prol do seu municipio, coma leva facendo durante máis de tres décadas”

AVANTAR ACTIVIDADES

Destaca tamén os dezaoito anos nos que José Manuel Fernández exerceu a presidencia da Mancomunidade de concellos de Ourense, “apostando decididamente por reforzar unha entidade que hoxe ofrece máis dunha ducia de servizos ás entidades locais que a integran”

Ourense, 18 de xaneiro de 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co exalcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández, para expresarlle o seu agradecemento por “toda unha vida dedicada á xestión local, a poñer en marcha proxectos e servizos demandados pola veciñanza, e sobre todo pola súa leal colaboración institucional”.

Desde a Deputación, como “concello de concellos”, Manuel Baltar fai un recoñecemento público ao traballo municipal desenvolvido nestas máis de tres décadas por José Manuel Fernández, tanto na súa condición de presidente da corporación local coma na súa responsabilidade á fronte da tenencia de alcaldía e tamén como concelleiro. “Unha longa traxectoria na política máis próxima ao cidadán que lle permite coñecer como ninguén a realidade de Paderne de Allariz, rodeado ademais dun equipo de persoas preparadas e comprometidas”, destaca o presidente do goberno provincial para remarcar o “enorme compromiso público” de José Manuel Fernández, que “agora seguirá traballando como concelleiro, como sempre, a prol de Paderne de Allariz”. 

Con todo, para Manuel Baltar un dos aspectos máis sobresaíntes do labor desenvolvido polo exalcalde radica “no seu firme convencemento da necesidade de impulsar a cooperación institucional con todas as administracións públicas, colaboración que sempre exerceu desde a máis estrita lealdade”. 

Neste sentido, o presidente da Deputación subliña tamén os dezaoito anos nos que José Manuel Fernández exerceu o cargo de presidente da Mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense, “apostando decididamente por reforzar unha entidade da que forman parte dez municipios e que hoxe ofrece máis dunha ducia de servizos ás entidades locais que a integran”.

Como balance, Manuel Baltar destaca o resultado da cooperación entre a Deputación e o concello ao longo dos últimos anos, “que se traduciu na execución de importantes obras para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, lembrando as axudas concedidas desde a institución provincial para proxectos de abastecemento, saneamento, reforzo da seguridade viaria, sinalización turística, adquisición de maquinaria de roza, a reforma do campo de fútbol de Vista Hermosa ou o novo centro de saúde.