o Psdeg-Psoe reclama a elección directa de deputados e deputadas provinciais cunha segunda urna nos comicios locais para corrixir o “déficit democrático” do sistema

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Villarino explicou que queren “unha segunda urna nos colexios electorais” porque o actual modelo está “volcado nos partidos políticos, deixando completamente á marxe a cidadanía”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“España é o único lugar de Europa con este sistema indirecto”, dixo o socialista tras reclamar o cambio para fortalecer a “representatividade democrática” e impulsar a “transparencia” e a “rendición de contas”

Ourense, 18 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense reclama a elección directa dos deputados e deputadas provinciais, simultaneamente a do resto de membros das corporacións locais, co fin de corrixir o “déficit democrático” do actual sistema indirecto. Mediante unha iniciativa que se votará na Deputación, os e as socialistas queren fortalecer a representatividade democrática; aumentar a confianza dos cidadáns nestas institucións; garantir maior transparencia e impulsar a rendición de contas dos cargos políticos.

Concretamente, piden ao Goberno central a aprobación dunha iniciativa lexislativa para reformar a Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e de toda a lexislación que sexa necesario modificar, para aprobar esta elección directa das corporacións. Tamén instan ao Parlamento de Galicia a solicitar do Goberno central a adopción dun proxecto de lei ou remitir ao Congreso unha proposición de lei sobre esta reforma. Por último piden á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que promova os cambios que sexan necesarios para o cambio.

O voceiro, Rafa Villarino, explicou que “queren unha segunda urna nos colexios electorais” porque o modelo actual está “volcado nos partidos políticos, deixando completamente á marxe a cidadanía” e salientou que “España é o único lugar de Europa con este sistema de elección indirecta”. “O modelo debe ser corrixido canto antes” e por iso “é tempo de mudar esta situación” que, matizou o voceiro, é un sistema que xa non opera nalgúns lugares como as tres provincias vascas ou nos cabildos insulares de Canarias, onde escollen directamente ás corporacións provinciais.

Villarino recordou que o actual presidente provincial fixo no pasado campañas electorais presidencialistas que “foron un fraude”, xa que non se podía escoller a ninguén. “Queremos acabar con ese fraude e que se convirtan en campañas reais”, aseverou antes de recordar que esta proposta rescata unha modelo electivo do ano 1881, que xa recoñecía o sufraxio en comicios provinciais a todos os españois maiores de idade.

O líder socialista tamén recordou a existencia dun proxecto de lei orgánica de eleccións provinciais elaborado polo goberno de Leopoldo Calvo-Sotelo a comezos dos anos oitenta do pasado século que, sen embargo, nunca chegou a formalizarse pola disolución das Cortes Xerais.

Desde o PSdeG-PSOE ourensán sinalan, para exemplificar ese déficit democrático, que “moitos presidentes de deputacións son elixidos a través de acordos escuros de dubidoso interese xeral ou próximos a certos grupos de poder”, o que pode levar á adopción de “decisións pouco representativas da vontade da poboación”. “Isto incluso pode provocar prácticas irregulares como demostra a historia da nosa provincia”, advirten.

Os e as socialistas recordan que Manuel Baltar manifestou en varias ocasións, sempre en coloquios ou nos medios de comunicación, o seu anhelo desta elección directa, mais “nunca fixo proposta formal algunha mediante iniciativas políticas neste plenario ou propostas lexislativas nas instancias que correspondan”. “Por iso cremos que chegou o momento de deixar de lado toda esa propaganda personalista, para dar un paso adiante en favor da democracia plena”, remachan.

O Grupo Provincial Socialista insisten en que a instalación destas urnas nas eleccións locais para a elección directa das corporacións provinciais “é unha medida que promove a democracia, a transparencia e a participación cidadá no futuro da provincia”, e que garante unha “maior responsabilidade na rendición de contas” dos cargos en exercicio. “Ao poder votar, a veciñanza de Ourense poderá exercer o sufraxio dunha forma máis consciente, sentíndose parte do proceso democrático que construirá as políticas provinciais”, conclúen.