O Psdeg-Psoe levará novamente ó parlamento a situación da parcelaria de Cartelle, con 1200 afectados e afectadas que levan 30 anos agardando polos títulos de propiedade

IES CHAMOSO LAMAS

Carmen Rodríguez Dacosta sinala que “queremos coñecer os pasos que deu a Consellería de Medio Rural dende xuño de 2021 ata a actualidade, en relación a entrega destes títulos”

O voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereiras, critica que as políticas do PP no rural “non dan ningún tipo solución ao abandono sistemático do territorio e non serven para loitar contra o despoboamento”

OZOCOgz Deseño Galego

Ourense, 19 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE levará novamente ao Parlamento de Galicia a situación que afecta ao municipio de Cartelle, onde 30 anos despois de iniciarse a concentración parcelaria, máis de mil propietarios continúan a día de hoxe sen recibir os seus títulos de propiedade. Os e as socialistas denuncian que a Xunta de Galicia “non moveu un só dedo para resolver a situación” e piden solucións “urxentes” para a veciñanza afectada.

A referida concentración parcelaria iniciouse no ano 1993, finalizando entre 2006 e 2007. No seu momento foron 1200 os veciños e veciñas que destinaron as súas fincas a esta concentración parcelaria, buscando sacar produtividade destas terras, pero o proxecto, tal e como sinalan os e as socialistas “quedou completamente abandonado pola Xunta de Galicia”.

A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, explica que en data do 15 de abril de 2022, “defendemos en comisión unha proposición non de lei referida á parcelaria de Cartelle, pero a pesar de contar co apoio unánime dos tres grupos políticos que forman parte da cámara, PP, PSdeG-PSOE e BNG, ata o de agora nada se fixo”. Ante esta situación, a deputada socialista por Ourense sinala que “queremos coñecer os pasos que deu a Consellería de Medio Rural dende xuño de 2021 ata a actualidade, en relación a entrega destes títulos”.

Rodríguez Dacosta, que levará unha iniciativa para que o goberno galego responda de forma oral e por escrito en comisión e en pleno, tamén quere coñecer “por que motivo non foron entregados os títulos de propiedade e cando pensa proceder o goberno galego a entrega dos mesmos”. A deputada socialista considera que ante esta problemática “é a Consellería de Medio Rural a que debe dar unha solución inmediata, para por fin aos graves problemas que teñen os propietarios, por non dispor dunha escritura que certifique a titularidade dos terreos”.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, urxe as institucións que “se poñan a traballar canto antes para  dar solución a un problema que ven arrastrado de varias décadas” e critica a postura de Medio Rural, xa que tal e como apunta “escúsanse e desvían o tema, en lugar de buscar solucións e asumir a súa responsabilidade”. O edil socialista critica que as políticas do PP no rural “non dan ningún tipo solución ao abandono sistemático do territorio e non serven para loitar contra o despoboamento” e apunta que no caso de Cartelle e desta parcelaria ” queda demostrado que non hai ningún tipo de interese por evitar que se abandonen as terras, nin en que se convertan en terreos produtivos aos que sacarlle partido”.

Pereiras Vázquez tamén fai fincapé en que os veciños e veciñas de Cartelle “vense obrigados a desprazarse ata as oficinas agrarias na procura dunha certificación, cada vez que precisan solucionar algún problema relativo coas súas parcelas”. Motivo polo que lle esixe ao goberno galego que “deixe de mirar para outro lado e aporte solucións inmediatas para estes veciños e veciñas”.

A proposta de resolución, que foi aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos presentes no Parlamento, dicía literalmente no texto que “o Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a que solucione, de forma urxente, a problemática que sofren os veciños e veciñas do municipio de Cartelle, na provincia de Ourense, que a pesar de finalizar a concentración parcelaria entre o ano 2006 e 2007, aínda non dispón dos títulos de propiedade”. Ante a “inacción” do Partido Popular, os e as socialistas decidiron levar novamente ó Parlamento esta iniciativa.