A Deputación colabora nun taller para guionistas e produtores do audiovisual galego que acollerá Ourense en xuño

No Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se presentou esta actividade, o vicepresidente segundo, César Fernández, agradeceu ao director de Agadic, Jacobo Sutil, a elección de Ourense como sede galega do taller: “Un importante apoio a ese universo audiovisual ourensán que non deixa de medrar” 

A iniciativa forma parte dun programa máis amplo coñecido como European Writers Club (EWC), que ten como obxectivo fomentar a colaboración entre guionistas, produtores e responsables de contido de cadeas de televisión e plataformas para crear series de ficción con proxección internacional 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 19 de xaneiro de 2023.- A Deputación de Ourense colaborará na celebración dun taller dirixido a guionistas e produtores da industria audiovisual galega, que se desenvolverá a primeiros do mes de xuño en Ourense. Esta actividade, que se enmarca no programa European Writers Club, foi presentada esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora da división audiovisual da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), Elizabeth López; o director do European Writers Club, Thomas Gammeltoft; e a guionista galega Gema R. Neira. 

No acto de presentación desta actividade, César Fernández agradeceu ao director de Agadic a elección de Ourense como sede galega deste taller. Unha decisión, dixo o vicepresidente segundo, que supón “un importante apoio a ese universo audiovisual ourensán que non deixa de medrar, grazas á aposta da Deputación e do seu presidente, Manuel Baltar, por converter a Ourense nun lugar de referencia para o sector”. Un proxecto estratéxico para a promoción económica, cultural e turística da provincia, explicou, “que vai avanzando en sucesivas fases, como a organización do Festival Internacional de Cine, o apoio ás rodaxes en localizacións ourensás, a constitución da Ourense Film Commission, a celebración na cidade do acto de entrega dos premios Mestre Mateo, e agora unha nova iniciativa dirixida especificamente aos profesionais do audiovisual”. 

O taller presentado hoxe –Boosting Concepts– forma parte dun programa máis amplo coñecido como European Writers Club (EWC), que ten como obxectivo fomentar a colaboración entre guionistas, produtores e responsables de contido de cadeas de televisión e plataformas para crear series de ficción con proxección internacional. O programa céntrase na narración audiovisual, desde o nacemento dunha idea ata a confección do documento de venda do proxecto, da que formarán parte creadores e escritores de distintas nacionalidades europeas en contacto cos produtores e compañías de televisión e plataformas. 

EWC conta co apoio da Unión Europea, a través da convocatoria “Preparatory Action Writing European”, e ten como socio principal á Xunta de Galicia, acompañada pola entidade Vision Denmark e pola SGAE como institución colaboradora en representación de España. 

No acto presentáronse ademais as conclusións dos dous talleres celebrados ata agora, en Copenhague e Tallin, onde a guionista galega Gema R. Neira participou como única representante española.