O convenio entre Deputación e Renfe para o programa de Termalismo Social incorpora a conexión directa por AVE desde o Mediterráneo

A comunidade valenciana, na que residen máis de cinco millóns de persoas, quedará conectada por un tren sen transbordos e a cinco horas de viaxe cos balnearios ourensáns que participan no programa. Tamén se poderán beneficiar os residentes nas provincias de Albacete e Cuenca 

En Fitur, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, coincidiron en destacar o éxito e solidez dunha alianza institucional que contribúe a potenciar o turismo termal na provincia 

AVANTAR ACTIVIDADES

“Temos un termalismo de alta velocidade”, afirmou Manuel Baltar, que puxo énfase “nas vantaxosas condicións para acceder ao mellor termalismo de Europa, a través do AVE e con descontos especiais, facilitando a planificación dos desprazamentos e facendo máis cómodas as viaxes aos balnearios da nosa provincia” 

Isaías Táboas expresou a súa satisfacción pola sinatura dun novo acordo “que pon o ferrocarril ao servizo da cidadanía co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dun territorio especialmente recoñecido polos seus recursos termais” 

Ourense, 21 de xaneiro de 2023.- A colaboración que desde hai dez anos manteñen a Deputación de Ourense e Renfe para facilitar o acceso ao programa de Termalismo Social incorpora en 2023 a conexión directa co Mediterráneo a través da alta velocidade, nomeadamente desde a comunidade valenciana. Así consta no convenio asinado en Fitur polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, que coincidiron en destacar o éxito e solidez dunha alianza institucional que contribúe a potenciar o turismo termal na provincia. 

“Temos un termalismo de alta velocidade”, afirmou Manuel Baltar trala sinatura do documento, subliñando así a condición de Ourense como territorio europeo co maior potencial termal e a cidade galega mellor conectada coa capital do Estado. Novamente, dixo, “asinamos con Renfe unhas vantaxosas condicións para acceder ao mellor termalismo de Europa, a través do AVE e con descontos especiais, facilitando a planificación dos desprazamentos e facendo máis cómodas as viaxes aos balnearios da nosa provincia”. 

Baltar tivo palabras de agradecemento para Renfe, “pola súa implicación todos estes anos”, e para a área de Benestar da Deputación “polo éxito a nivel nacional dun programa único, o de Termalismo Social, que supera todas as expectativas”. A estas palabras sumouse Isaías Táboas, que expresou a súa satisfacción pola sinatura dun novo acordo “que pon o ferrocarril ao servizo da cidadanía co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dun territorio especialmente recoñecido polos seus recursos termais”. 

Grazas ao convenio de 2023 entre a Deputación e Renfe, a comunidade valenciana, na que residen máis de cinco millóns de persoas, quedará conectada por un AVE directo, sen transbordos e a cinco horas de viaxe cos balnearios ourensáns que participan no programa de Termalismo Social. Esta nova conexión tamén facilitará a participación dos residentes nas provincias de Albacete e Cuenca, en cuxas capitais teñen paradas os trens que circulan pola liña que ten a súa orixe en Alacante. 

Programa único en España ao incluír desprazamento en tren  

O programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense é único en España ao incluír o ferrocarril como unha opción de desprazamento cara os balnearios da provincia. As persoas maiores de 50 anos, con independencia do municipio español no que residan, poden desfrutar dun programa que ofrece unha estanza de seis días nos centros balnearios ourensáns, en réxime de pensión completa, con dez tratamentos termais, acceso ilimitado ás piscinas de auga mineromedicinal e dúas rutas culturais. Os usuarios que opten polo desprazamento en tren recibirán o billete no seu domicilio na semana previa á viaxe. Xa na estación de Ourense agardaralles un transporte para o seu traslado ao establecemento termal. 

O prazo de solicitudes para participar neste programa abrirase en febreiro. A través do enderezo electrónico www.termalismourense.com, os interesados poderán facer os trámites a través dun ordenador ou calquera dispositivo móbil mediante un sinxelo proceso no que se pode elixir o balneario e as datas de estanza, sen necesidade de achegar ningún papel. Durante este proceso emítese un documento que contén todos os datos da praza asignada con un código QR para presentar á chegada ao balneario.