O Psdeg-Psoe esixe que Jácome aclare se o concello de Ourense se vai facer cargo dunha presunta multa de 1.200 € por uso indebido do coche de alcaldía nunha viaxe de ocio

Segundo informacións difundidas a través de redes sociais, o coche oficial circulaba a 80 km/h por unha zona de Vigo delimitada a 50 km/h cando foi interceptado por un radar

Denuncian a ausencia de información sobre o custe e uso dos vehículos alugados polo Concello dende 2019 malia as constantes peticións de información ao respecto nas xuntas de área municipais

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 20 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense esixe que o alcalde Jácome aclare se o coche de alcaldía, un Peugeot 208 de cor mostaza, foi sancionado nunha viaxe de lecer en setembro de 2022 á cidade de Vigo, e se vai ser o Concello de Ourense o que se faga cargo do pago desta infracción, como apuntan varias informacións difundidas nas últimas horas a través das redes sociais.

Segundo estas fontes, o coche do rexedor circulaba presuntamente a 80 km/h por unha zona da cidade olívica delimitada a 50 km/h cando foi interceptado por un radar. Posteriormente, o Concello recibiría a multa de 400 € acompañada dun requirimento para proceder á identificación do condutor e á retirada de catro puntos do carné de conducir. As mesmas fontes apuntan a que a negativa do equipo de goberno a proporcionar esta información derivou nun agravamento da sanción orixinal, que pasaría de 400 a 1.200 euros sen posible bonificación.

“Dende o grupo socialista queremos que se aclare a veracidade destas informacións e que o alcalde explique, en primeiro lugar, se se empregou un vehículo de propiedade municipal para unha viaxe persoal; en segundo, se tal vehículo foi sancionado por exceso de velocidade; en terceiro, se as ourensás e os ourensáns van ter que facerse cargo desa multa; e en cuarto, se o importe total da dita sanción aumentou a raíz da negativa do alcalde de identificar o condutor do vehículo”.

Así as cousas, adiantan que esixirán explicacións inmediatas por parte do alcalde sobre os presuntos feitos, tanto mediante rexistro electrónico coma nas xuntas de área municipais correspondentes. Denuncian, ademais, a ausencia de resposta ás múltiples peticións de información do grupo socialista a respecto do custe e uso da flota de vehículos do Concello en réxime de alugueiro dende 2019, unha cuestión sobre a que aseguran que seguirán insistindo.