A Xunta recibe 2 ofertas para culminar a humanización da travesía da OU-154 no Reino, no concello de Piñor, que suporá un investimento de case 300.000 €

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 2 ofertas de empresas para executar as obras que culminarán a humanización da travesía da estrada autonómica OU-154 no Reino, no concello de Piñor.

Esta intervención de mellora da seguridade viaria suporá un investimento autonómico de case 300.000 euros. A previsión da Xunta é comezar as obras na primavera, cun prazo de execución de tres meses.

AVANTAR ACTIVIDADES

A actuación céntrase na mellora de dous treitos da estrada OU-154 que suman 500 metros de lonxitude: entre os puntos quilométricos 1+450 e 1+741; e do 2+025 ao 2+235, que coinciden coa travesía do núcleo rural do Reino.

Deste xeito, a nova intervención da Xunta completará a remodelación xa executada no treito situado entre os quilómetros 1+741 e 2+025, para protexer a circulación dos peóns e rehabilitar o firme, que supuxo un investimento autonómico de 160.000 euros.

As obras obxecto deste contrato permitirán a humanización do treito de travesía obxecto da actuación, incluíndo o soterramento das redes aéreas de electricidade, iluminación pública e telecomunicacións.

Para levar a cabo a intervención vaise proceder á demolición da beirarrúa e de parte da calzada, que se repoñerán mellorando a accesibilidade e a sección do firme afectada. Tamén se realizará unha rehabilitación superficial completa do firme da estrada.

Ademais disporase unha nova rede de alumeado público con luminarias de tecnoloxía led, para unha mellora da eficiencia enerxética.

Destaca na intervención entre os puntos 1+686 e o 1+723 a elevación da beirarrúa sobre a plataforma da calzada, manténdose no mesmo nivel no resto desta zona.

Ademais, entre os puntos 1+723 e 1+740, coincidindo co cruce do Camiño de Santiago, disporase unha plataforma sobreelevada, quedando a calzada ao mesmo nivel que a beirarrúa.

Na obra incluirase, ademais, a adaptación do sistema de drenaxe existente á nova sección da vía nas zonas afectadas.

A intervención completarase coa reposición da sinalización horizontal e vertical afectada e a colocación de nova sinalización.

As actuacións previstas non implican a realización de expropiación algunha, xa que as obras que se van executar están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.

O Goberno galego continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.