O Bng de Ribadavia propón ao pleno municipal unha moción de apoio á manifestación convocada por SOS SANIDADE PÚBLICA

Cremos que estamos ante un momento importante para o futuro dos servizos públicos. Unha das maiores preocupacións da sociedade galega pasa pola situación e perspectivas da sanidade pública tanto do noso concello como da Área de Saúde de Ourense, como consecuencia da  política sanitaria da Xunta de Galicia, baseada nos recortes de recursos e orzamento, no desmantelamento de hospitais comarcais, no abandono dos Centros de Atención Primaria, na ocultación e manipulación das listas de espera, na precarización do persoal, recorte  de  camas hospitalarias, privatización e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados,   desatención clamorosa  da saúde mental e das mulleres.

As protestas do persoal dos Centros de Saúde,  das nais e pais contra a falta de pediatras ou psicólogos, como tamén ten sucedido no PAC de Ribadavia, son algunhas das manifestacións do malestar cidadán fronte a esta crise sanitaria.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por todo elo o BNG propón ao pleno municipal do 26 de xaneiro que no noso concello e na Área Sanitaria de Ourense se poida dispor duns servizos sanitarios públicos de calidade a adopción dos seguintes

ACORDOS

PRIMEIRO. Apoiar a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública,   o vindeiro 12 de febreiro en Compostela.

SEGUNDO. Reducir as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención hospitalaria, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos. Publicar as listas de espera ocultas e acabar coa súa manipulación.

TERCEIRO. Acabar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade.

CUARTO. Paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.

QUINTO. Plan de Mellora da Atención Primaria, da Saúde Mental e de Atención á Saúde das Mulleres.

SEXTO. Demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais do nosos Centros de Saúde e dotalos do persoal necesario para garantir una atención accesíbel e de calidade.

SÉTIMO. Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.