Hostalaría e comercio fan un balance sobre a “costa de xaneiro”

A piques de rematar o primeiro mes do ano, saimos á rúa para coñecer como afectou a tradicional “costa de xaneiro”. Para o sector punteiro, a hostalaría, é un mes tradicionalmente máis baixo. Aínda así, dende o Bar Peñasco aseguran que mantiveron as cifras de ventas, e que o balance é positivo tamén en comparación a antes da pandemia.

Pero a esperanza está posta no mes de febreiro con datas como San Valentín ou o Entroido. A hostalaría e a restauración temen este mes, pola súa duración e falla de ventas, pero as perspectivas deste ano son boas, tendo en conta tamén a Festa da Cachucha.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sobre todo os restaurantes están notando moito a suba de prezos dos produtos de alimentación. Algúns coma o Tapería Cervezería Don Paco pensan nun posible incremento de prezos nun curto período de tempo como medida para sobrevivir.

E esa suba de prezos tamén repercute no comercio, xa que a alimentación vai sempre por diante, e o usuario reduce así o gasto. Un aliciente que se suma a outros como a venta online e que afecta de cheo ó pequeno comercio, que segue apostando polo verán como época forte.