Martín Seco do grupo socialista denuncia que a conselleira de emprego “queda politicamente inhabilitada” polo revés xudicial polo conflito coas brigadas forestais

Martín Seco sinala que a conselleira de Emprego non pode dirixir as relacións laborais de Galicia cunha sentenza en contra por ter tomado medidas coercitivas contra os traballadores cando era secretaria xeral técnica de Medio Rural

Reclámalle á Xunta que acate a sentenza xudicial e lle pague ao persoal de extinción de incendios o salario descontado pola folga de 2020

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023. O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de sinalar que a conselleira de Emprego “queda politicamente inhabilitada” logo da sentenza do Xulgado de Santiago contra os descontos salariais ilegais aplicados contra o persoal de extinción de incendios pola folga de agosto de 2020. A actual conselleira era daquela secretaria xeral técnica da consellería de Medio Rural”.

O responsable socialista reclámalle á conselleira que “asuma responsabilidades”, e sinala que “a competencia de Emprego no goberno galego non pode recaer en alguén que non respecta o dereito á folga dos traballadores que ten ao seu cargo”, como vén de confirmar unha sentenza xudicial “clara e contundente”.

Martín Seco explica que o Xulgado nº 1 do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela acaba de estimar  o recurso contra a resolución da secretaría xeral técnica da Consellería do Medio Rural do 27 de agosto de 2020, cando encabezaba aquel servizo a actual conselleira de Emprego. Naquela resolución, explica, “inventaba” descontos salariais contra o persoal técnico de incendios que o xulgado entende como “non conformes a dereito”.

O parlamentario socialista lembra que Medio Rural intentou daquela “reprimir a folga” por varios medios, contratando a persoal de empresas externas, presionando individualmente ao persoal e aplicando descontos salariais contra o persoal que estaba a cumprir cos servizos mínimos.de acordo coa sentenza, o persoal ten dereito a cobrar sen dedución proporcional, que é “non conforme a dereito” e ten “como único obxectivo a desmobilización dunha folga legal”.

Sinala que “aínda que a sentenza pode ser apelada pola Consellería do Medio Rural ante o TSXG, o fallo é moi claro e debera acatar e abonar os descontos que se lle fixeron aos técnicos” do servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, polo que lle reclama que asuman a sentenza, paguen as contías descontadas e renuncien a presentar recurso.