A Xunta e o concello de Beariz melloran a accesibilidade do centro de saúde

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na súa visita á reforma efectuada no centro de saúde de Beariz, o esforzo conxunto de Xunta e Concello para garantir a máxima accesibilidade no edificio.  O investimento nesta obra, que supera os 120.000 euros, foi compartido pola Xunta e o Concello.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén incidiu o responsable do Sergas que os fondos destinados nos orzamentos da Xunta deste ano para o capítulo de investimentos en atención primaria son, con 56 millóns de euros, “os máis altos dos últimos 16 anos”.

“Agora a veciñanza de Beariz ten un centro de saúde plenamente accesible, que é unha necesidade sempre, pero máis se cabe nun concello con moitos veciños maiores aos que temos que facilitar ao máximo o acceso á sanidade pública”, -remarcou Comesaña-.

Tal e como explicou o responsable do Sergas na visita, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta, Gabriel Alén, polo alcalde do concello, Manuel Prado, e polo xerente da área, Félix Rubial, decidiuse aproveitar a planta semisoto e habilitala para que toda a área asistencial sanitaria se poida prestar nela. Así mesmo, creáronse aseos adaptados, aumentáronse os ocos das ventás e fíxose o cambio de portas e ventás e de toda a carpintería. Toda esta obra fíxose, -remarcou o conselleiro-, “sen interromper en ningún momento a prestación asistencial no centro”.

O conselleiro destacou a implicación do alcalde na reforma, o que posibilitou que, en decembro, “xa estiveran rematadas as obras tan necesarias para mellorar a accesibilidade do centro de saúde”.

Ademais, este centro de saúde tamén foi receptor, nos últimos anos, doutros investimentos para mellorar o seu equipamento, neste apartado, recibiu un electrocardiógrafo, un desfibrilador e un hólter de presión arterial.

Máis de 120 millóns en infraestruturas de primaria

Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria, con esta reforma de Beariz, xa son 108 os centros de saúde que a Xunta construíu ou reformou dende 2009, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. Xunto coas obras en marcha, estas actuacións significaron un investimento, nestes 12 anos, de máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Segundo dixo Comesaña, “chegar a este volume tanto en número de centros como en investimento non sería posible sen a cooperación dos concellos que contan con centros de saúde de titularidade local”. En concreto, nesta lexislatura, “a Xunta achegou máis de 1,2 millóns de euros para 35 convenios de reforma de centros de saúde municipais”, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

Ademais dese investimento en reformas, a Xunta tamén colabora nos gastos ordinarios. Así, dende 2017, o Executivo galego compensa aos concellos polos custos de mantemento dos seus centros de saúde. No caso de Beariz, son máis de 10.000 euros anuais. No orzamento para este ano, a Xunta reforzou o apoio e incrementou ata os 2,6 millóns de euros esta partida, “o que supón un aumento do 8%”.  Deste xeito, a Xunta de Galicia ten destinado dende 2017 cerca de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal

Na súa intervención de hoxe en Beariz, o conselleiro destacou que o seu departamento segue en diálogo co Concello de Ourense para licitar a obra do Centro Integral de Saúde desa cidade cando teña a licenza. Tamén dixo que en Boborás e Muíños xa están licitados os proxectos para os seus novos centros de saúde, e que está en trámite co Concello de Carballiño para que poida efectuar os cambios urbanísticos que permitan a Sanidade transformar a antiga estación de autobuses nun novo centro de saúde.