O Psdeg-Psoe de Ourense esixe ao goberno galego que aclare se o futuro Capd de Ourense terá xestión pública e directa

O Psdeg-Psoe de Ourense esixe ao goberno galego que aclare se o futuro capd de ourense terá xestión pública e directa e denuncia a “inacción” de Rueda e Fabiola García

“Demandamos respecto para as familias e para a cidadanía de Ourense, nun tema tan transcendental como é o tipo de xestión que vai ter o centro”, apunta Marina Ortega, que tamén sinala que os e as socialistas “opómonos rotundamente a que a xestión sexa privada”

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista acusa a conselleira de política social, Fabiola García, de “faltarlle ao respecto ás familias, xa que non foi quen de recibilas aínda a día de hoxe, cando levan dende o 2016 mobilizándose e reivindicando un centro de xestión pública”

Ourense, 30 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao goberno galego que aclare se o futuro centro de atención á persoas con discapacidade da cidade de Ourense terá xestión directa e pública ou non. Os e as socialistas denuncian que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, non responden ás demandas das familias con fillos con discapacidade, nunha provincia, que tal e como afirman “é a única de todo Galicia que carece dun centro de titularidade pública destas características”. Pídenlles que rematen coa “inacción” e dean “respostas” as reivindicacións e demandas dos familiares.

Dende o PSOE ourensán reclámanlle á Xunta de Galicia que atenda ás familias e lles de todas as explicacións “necesarias”, ante unha situación de “gran dificultade” para elas, ante a dúbida de se terán protexidos aos seus fillos e as súas fillas nun futuro. Os e as socialistas ourensás tamén critican que “tras 7 anos de reivindicacións, seguimos a ser a única provincia galega sen un centro público destas características e so temos un esqueleto inerte e sen rematar, do que debería ser o CAPD de Ourense”.

“Demandamos respecto para as familias e para a cidadanía de Ourense, nun tema tan transcendental como é o tipo de xestión que vai ter o centro”, apunta a deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, que tamén acusa ao PP de “xogar a confusión, afirmando que o centro é de titularidade pública, algo que todos e todas sabemos, xa que se vai construír con cartos de toda a cidadanía galega”. A parlamentaria socialista afirma que a cuestión que máis preocupa a un pai ou a unha nai, que ten un fillo con discapacidade ou con gran dependencia, “é saber que será dos seus fillos ou das súas fillas o día que eles xa non estean e para elo precisan dun centro con xestión directa, para que conten coa supervisión e os coidados axeitados”.

Ortega tamén apunta que “sospeitamos que a xestión será derivada a unha empresa privada, algo ao que nós opomos rotundamente”. A deputada ourensá tamén acusa a conselleira de política social, Fabiola García, de “faltarlle ao respecto ás familias, xa que non foi quen de recibilas aínda a día de hoxe, cando levan dende o 2016 mobilizándose e reivindicando un centro de xestión pública”. A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense subliña que “queremos saber que xestión terá o centro” e apunta a que “senón o saben é unha irresponsabilidade do goberno galego e senón o queren dicir unha falta de respecto porque isto é unha causa de toda a cidadanía da provincia de Ourense e imos a estar a carón destas familias”.

O PSdeG-PSOE de Ourense seguirá a loitar porque se escoiten as demandas das familias de persoas con discapacidade e dependentes, agrupadas en torno á Plataforma ProCapd Ourense para reivindicar unha necesidade “urxente”, que segundo explican “semella un espellismo que non acaba de chegar nunca”. Lembran que tódalas forzas políticas asinaron dito compromiso en 2016, pero que unicamente o PP se descolgou do acordo en 2019, cando se negou a reeditalo. Denuncian os continuos “incumprimentos” no prazo de construción das obras e critican que a Xunta de Galicia “non aposte por rematar unha obra imprescindible para a provincia e a cidade”.

As familias esixen respecto por parte da Xunta

Dende a plataforma ProCAPD de Ourense apuntan a que esta “é unha cuestión de dereitos das familias e dos nenos, xa que en todas as provincias existe un centro destas características, público, con prazas públicas e de xestión pública e directa da Xunta de Galicia, no que os traballadores forman parte da administración galega”. Os pais e nais que forman parte da plataforma esixen “claridade” e pregúntanse “por que nos deixan de lado?, por que non nos queren recibir? e por que exista tanto escurantismo ante a suposta intención de privatizar o centro”.

A representante da plataforma ProCAPD Ourense, Eva Gutiérrez, sinala que “está non é unha cuestión só nosa, é unha cuestión de todos e todas porque os impostos pagámolos toda a cidadanía e estamos ante unha obra cun orzamento de 8 millóns de euros, que saíron do peto de todos os galegos, polo que non podemos deixarlle este edificio a unha entidade privada”. Esta nai tamén fai fincapé no que acontece, “as veces, non sempre”, nas residencias privadas ou concertadas en canto a atención e afirma que “as rateos de coidados non só o mesmo nos centros públicos, que nos privados, ao igual que as inspeccións, polo que non nos iremos tranquilos sabendo que os nosos fillos e as nosas fillas quedan en mans dun empresario e non da Xunta de Galicia”.

No relativo as obras para o remate do centro do centro de atención a persoas con discapacidade, Eva Gutiérrez sinala que “é un insulto que a día de hoxe e despois de anunciar que se retomaban as obras haxa só un ou dous obreiros traballando”. Neste senso tamén se pregunta “se isto é comezar unha obra, cun obreiro cun taladro” e afirma que “estamos ante un abandono e unha tomadura de pelo, xa que poño en dúbida que con un ou dous obreiros as obras estean rematadas en 13 meses, polo que non sei se teremos que vir nós a por ladrillos”.