Os e as socialistas critican a “inacción” do alcalde a hora de proxectar unha mellor imaxe de Viana e de solucionar a problemática na zona, a pesar de que a moción socialista foi aprobada por unanimidade
Consideran que “estando as portas do Entroido e da celebración da Mascarada Ibérica (Vibomask), acontecementos que atraen milleiros de visitantes a vila, precisamos mellorar a imaxe da contorna”
Viana do Bolo, 28 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao goberno municipal a cumprir e executar os acordos aprobados en sesión plenaria e rematar coa situación de “insalubridade” e o “feísmo” nas casas esborralladas nas rúas de San Roque e do Ferro. Os e as socialistas critican a “inacción” do rexedor a hora de mellorar a imaxe de Viana e de solucionar esta grave problemática, a pesar de que a iniciativa socialista foi aprobada por unanimidade en sesión plenaria.
Dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo lembran que en setembro de 2021 presentouse unha moción na que se solicitaba que se procedese a retirada dos escombros destas casas, pero tal e como apuntan os e as socialistas “ata o de agora nada se fixo e o problema segue aí”. Segundo denuncian dende o PSOE vianés a situación “é preocupante, xa que estamos falando de dúas rúas céntricas da vila e nas que a imaxe que se proxecta é lamentable”.
O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia que “aos problemas de insalubridade, súmanse a presencia de ratas e serpes, que proliferan na zona debido as malas condicións na que se atopan estas edificacións, convertidas en escombreiras”. Os e as socialistas tamén fan fincapé “na proxección que da esta zona a aqueles que nos visitan, xa que esta situada nunha contorna céntrica, polo que consideramos que se proxecta unha imaxe nada acorde coa beleza do noso municipio”.
Os e as socialistas volven a instar ao concello a que “proceda a localizar aos propietarios dos inmobles para que procedan á limpeza das mesmas e que no caso de non localizalos, se proceda a levantar un muro para tapiar a zona, evitando deste xeito que se vexa o mal estado”. Dende o PSdeG-PSOE vianés consideran que “estando as portas do Entroido e da celebración do Festival Internacional de Mascarada Ibérica (Vibomask), acontecementos que atraen milleiros de visitantes, precisamos mellorar a imaxe deste lugar”. Neste senso tamén apuntan a que “hai que ter en conta que por ditas rúas transcorren os desfiles dos integrantes dos folións e comparsas, ademais de máscaras chegadas de tódalas rexións e de outros países, polo que compre que o Concello se poña mans a obra e proceda a tapiar os escombros, co fin de preservar a boa imaxe e a beleza que debemos proxectar aos visitantes”.