O Psdeg-Psoe de Ourense impulsa unha iniciativa pioneira para que o concello poña en marcha o primeiro proxecto de vivendas colaborativas cohousing senior na cidade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Trátase dunha solución de éxito probado en países escandinavos, que permite garantir o envellecemento activo das persoas maiores, evitando a soidade non desexada e garantindo os coidados compartidos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Natalia González destacou que “a innovación social en Galicia pasa por este tipo de xestión, e máis nunha cidade coma Ourense, onde o 25 % da poboación ten máis de 65 anos”

Ourense, 30 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha pioneira iniciativa para que o Concello poña en marcha todos os recursos necesarios co obxectivo de impulsar o primeiro proxecto de vivendas colaborativas cohousing senior na cidade. Trátase dun modelo residencial consistente en compartir espazos de interrelación entre persoas maiores e que representa para o grupo socialista “unha solución complementaria e alternativa ás residencias xeriátricas, que permitiría garantir o envellecemento activo das persoas maiores, evitando a soidade non desexada e garantindo o envellecemento activo”.

No texto da moción, que as e os socialistas defenderán no pleno municipal deste venres, sinalan que na actualidade existe “un amplo consenso social” sobre a necesidade de que as institucións se ocupen do problema da soidade das persoas de maior idade, a través dun plan a nivel europeo, estatal e galego, no que participen activamente os Concellos, como administracións máis próximas á cidadanía.

“A innovación social en Galicia pasa por este tipo de xestión, e máis nunha cidade coma Ourense, onde o 25 % da poboación ten máis de 65 anos” asegurou a voceira socialista, Natalia González, quen denunciou tamén a alarmante situación da vivenda na cidade, cun número “sobredimensionado” de propiedades baleiras e unha total inexistencia de “políticas orientadas ao alugueiro asumible”.

“En Galicia, a Xunta non ten nada avanzado, e en Ourense, as políticas de vivenda foron arrasadas nos últimos anos dende o goberno local, cunha xestión nula do solo público”, censuran dende o grupo socialista, ao tempo que poñen en valor o traballo a nivel estatal do executivo de Pedro Sánchez coa Estratexia Nacional contra a soidade non desexada dos maiores, en liña coas investigacións dos Laboratorios europeos de Intelixencia Colectiva e Tecnoloxía Sociosanitaria para combater o illamento das persoas da terceira idade.

Estudo de necesidades, xornadas informativas e xestión do solo público

Así as cousas, González defendeu que “é o momento de abordar un proxecto ambicioso e de futuro baseado nas políticas de vivienda impulsadas polo Goberno central a través do Plan de Vivienda 2022-2025, un documento que contempla unha liña de axudas precisamente para o fomento desta modalidade de aloxamentos”.

Concretamente, o grupo socialista reclamará que o Concello leve a cabo un estudo pormenorizado sobre as demandas das persoas maiores de Ourense en canto ás súas necesidades de vivenda, coa finalidade de impulsar este innovador proxecto de cohousing senior. Así mesmo, pedirán que o goberno local organice xornadas de información da cidadanía sobre vivenda colaborativa e casos de éxito en marcha no noso país.

“Urbanisticamente tamén reclamaremos que o Concello obteña e xestione o solo público necesario, en función da demanda existente, poñéndoo a disposición doutras administracións para acadar fondos europeos e abordar un proxecto deste tipo, no que os nosos maiores teñan un papel protagonista”, detallou a socialista.

Cohousing: un modelo de orixe escandinava

O cohousing senior, un modelo de convivencia nacido hai dúas décadas nos países escandinavos, promove a colaboración entre persoas que vivían soas co fin de acadar un envellecemento activo e saudable. Esta solución residencial consiste en levantar comunidades autoxestionadas de coidados mutuos, que cubran as necesidades vitais, sociais e persoais dos seus integrantes -incluída a dependencia chegado o caso-, de xeito que poidan vivir unha vida plena e autónoma.

Os integrantes de cada proxecto de cohousing gozan dunha cesión de uso vitalicio, coa garantía de que se retornará o capital non amortizado en caso de falecemento ou desestimento, pero sen seren propietarias das vivendas, que non son herdables.

As vivendas coas que conta cada comunidade estarían adaptadas para albergar, en caso necesario, unha persoa coidadora. Nas zonas comúns, onde se desenvolven as actividades sociocomunitarias como o coidado da horta, cinefórums ou talleres, hai tamén espazos dedicados ao coidado sociosanitario.