A CHMS contratará un plan de ordenación para a navegación e atracada que mellore o uso sostible do río na Ribeira Sacra

“Neste momento existe un exceso de infraestruturas sobre o río que perturban a paisaxe natural orixinal e así o expuxen na reunión mantida onte coas directoras Xerales de Turismo e de Patrimonio da Xunta de Galicia”, explicou Quiroga, “é necesario profundar na problemática e traballar coordinados” matizou

“Desde a CHMS continuamos traballando co ánimo de potenciar a marca Ribeira Sacra en consonancia co seu valor ambiental, paisaxístico, etnolóxico e patrimonial” incidiu o presidente

AVANTAR ACTIVIDADES

Nota de prensa

Ourense, 31 de xaneiro de 2023.- José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mantivo onte un encontro de traballo coas Directoras de Turismo e de Patrimonio da Xunta de Galicia, para avanzar na procura de solucións que eviten a degradación da Ribeira Sacra. Durante o mesmo, houbo receptividade e sintonía entre as partes, tanto en canto á análise como nos obxectivos para conseguir.

“Neste momento existe un numero importante de infraestruturas sobre o río e un volume aínda maior de peticións que perturban a paisaxe natural orixinal e así o expuxen na reunión mantida esta mañá coas directoras Xerales de Turismo e de Patrimonio da Xunta de Galicia”, explicou Quiroga, “é necesario estudar a problemática e traballar coordinados” matizou

O presidente da CHMS xa informou en decembro sobre a suspensión temporal de autorizacións administrativas na Ribeira Sacra, na contorna dos río Miño e Sil, para poder estudar en profundidade a problemática e articular, entre as distintas administracións e sen dilación, alternativas e/o solucións que permitan potenciar un turismo de calidade nunha zona singular de Galicia que conta co río como eixo principal.

“Desde a CHMS continuamos traballando co ánimo de potenciar a marca Ribeira Sacra en consonancia co seu valor ambiental, paisaxístico, etnolóxico e patrimonial” incidiu o presidente. Desde a CHMS iniciouse o procedemento de contratación da “Redacción dun plan de ordenación da navegación e a atracada” que evite a deterioración do DPH e dos ecosistemas asociados e que cre un marco de #gozar do río baixo un modelo de navegación non invasivo e sostible.

“Neste sentido e para desenvolver o citado Plan acordouse constituír unha mesa de traballo nas que estarán representadas as administracións Estatal e Autonómica con competencias no territorio, co interese de avanzar con celeridade no deseño de necesidades e solucións para esta zona protexida, de referencia a nivel mundial, na que o turismo constitúe un recurso económico fundamental” explicou Quiroga.

“Esta planificación, que harmonizará o uso sostible do río en consonancia cos valores paisaxísticos e patrimoniais da Ribeira Sacra, resulta imprescindible no contexto de presentar de novo a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade”, concluíu o presidente.