A iniciativa, presentada esta mañá coa participación do vicepresidente Rosendo Fernández, celebrarase en Allariz o vindeiro 25 de febreiro
Ourense, 1 de febreiro de 2023.- O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá en Allariz na presentación da primeira edición de “Medrar en galego”, un programa de actividades culturais que se celebrará na vila allaricense o 25 de febreiro co foco posto sobre a crianza dos fillos en galego.
A xornada está organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, Ben Común, Confederación de ANPAS Galegas e o Concello de Allariz, e conta coa colaboración da Deputación de Ourense.
Na súa intervención, Rosendo Fernández resaltou o importante papel das administracións públicas na conservación e difusión do galego e reivindicou a “fonda implicación” da Deputación de Ourense co idioma, lembrando por exemplo que “foi a primeira das administracións provinciais galegas en aprobar o uso da nosa lingua nos documentos oficiais”, ademais do “traballo realizado dende 1990 no asesoramento a todos os concellos da provincia no eido lingüístico”.
Fernández estivo acompañado pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; a concelleira de Ensino e Normalización Lingüística de Allariz, Olga Quintana; e o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que sinalou que a través destas xornadas búscase contribuír “a mellorar as ferramentas que xa están a empregar as familias para fortalecer o uso do galego entre as crianzas”.
As actividades recollidas no programa pretenden abrir un espazo de debate e aprendizaxe, tanto para os cativos como para as nais e pais, contando coa presenza de educadores sociais e pedagogos que serán os encargados de realizar diversos obradoiros, actividades lúdicas para os cativos e unha feira na que diferentes empresas que traballan en galego expoñerán os seus produtos.