Marina Ortega do grupo socialista esíxelle ao goberno galego que faga público un informe detallado do impacto da pandemia nas residencias de maiores

Marina Ortega advirte que “non existirá un novo modelo residencial en Galicia sen aumentar o persoal, o número de prazas públicas nin os inspectores técnicos”

Santiago de Compostela, 02 de febreiro de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle hoxe á Consellería de Política Social que faga público un informe detallado do impacto da pandemia nas residencias de maiores. A responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión parlamentaria logo das advertencias tanto da Fiscalía Xeral como da Fiscalía de Ourense para investigar os falecementos nas residencias de maiores durante a pandemia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ortega reclamou “blindar a atención e coidados ás persoas maiores”, e reclamou as conclusións da Xunta do impacto da pandemia “para tomar as medidas necesarias” e mellorar o sistema de atención residencial de Galicia. Advertiu neste sentido que o novo modelo residencial de Galicia “non existe” a pesares dos anuncios de Política Social, e así seguirá sendo “mentres non aumenten o persoal, as prazas e os inspectores técnicos”.

Lamentou que malia que Galicia é unha das comunidades autónomas máis envellecidas, o desleixo do goberno galego e a súa “política de pasotismo” en materia de maiores sitúana moi lonxe do óptimo de atención ás persoas maiores. Considera inconcibible que “na Comunidade Autónoma que máis persoas maiores ten do Estado, en lugares como Vigo unha persoa non ten praza nunha residencia de maiores”.

Esta situación non se resolverá, dixo, mentres o goberno galego non tome en serio as advertencias que ten trasladado a Fiscalía Xeral do Estado requirindo unha investigación dos falecementos durante a pandemia nas residencias de maiores, tendo en conta as aportacións das vítimas e das súas familias.

Sinalou tamén o informe da Fiscalía de Ourense alertando de que a Xunta aínda non corrixiu deficiencias como o exceso de suxeicións sobre os residentes, o incumprimento das rateos de persoal e a falla de inspeccións por parte do goberno galego, como xa advertira o Consello de Contas en 2017.

Todo isto, engadiu, unido á sentenza do TSXG avalando a necesidade de que o goberno galego aporte os datos de falecementos por Covid – 19 por cada centro de atención residencial, “fai preciso que o Goberno galego traslade un informe” sobre o que pasou nestes centros de atención residencial durante a pandemia, así como das respostas aos requirimentos da Fiscalía.