A Deputación colabora no proxecto “Aterra” do GDR Limia-Arnoia como “exemplo da suma de esforzos para xerar riqueza e emprego no rural”

Manuel Baltar avanzou esta vía de cooperación tralo encontro que mantivo esta mañá no Pazo Provincial cos representantes da xunta directiva deste Grupo de Desenvolvemento Rural, co seu presidente á cabeza, Gumersindo Lamas

O presidente do goberno provincial destaca a contribución a un programa “que pon énfase nun dos grandes potenciais do noso territorio, os produtos de calidade, facilitando a recuperación de terras para novas producións agrícolas e gandeiras”

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar remarca que a Deputación de Ourense foi a primeira institución provincial galega en integrarse como socia, o pasado ano, nos seis GDR do seu territorio, cumprindo así o acordo unánime alcanzado no debate sobre o estado da provincia de 2021

Gumersindo Lamas define o proxecto como “unha experiencia pioneira a nivel comarcal que pretende ser unha ferramenta para xestionar e frear o abandono de terras, coa participación de oficinas agrarias, asociacións profesionais e a universidade”

Ourense, 3 de febreiro de 2023.- A Deputación de Ourense impulsará co seu apoio o proxecto “Aterra”, un plan pioneiro promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia  para facilitar a creación de iniciativas agrogandeiras a través dun novidoso programa de xestión de terras. Así o avanzou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, logo da reunión que esta mañá mantivo no Pazo Provincial co presidente do GDR e alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas; a secretaria do grupo e alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, como membro da xunta directiva; e a xerente da entidade, Eva González.

Tras coñecer os detalles desta iniciativa, Manuel Baltar comprometeu o apoio do goberno provincial a un proxecto que cualificou como “exemplo da suma de esforzos para xerar riqueza e emprego no rural”. Unha contribución, dixo, “que pon énfase nun dos grandes potenciais do noso territorio, como son os produtos de calidade, facilitando a recuperación de terras para novas producións agrícolas e gandeiras “.

Para Manuel Baltar, “a Deputación, como organismo de cooperación, ten que estar ao carón dos proxectos que dinamizan a provincia e teñen como obxectivo prioritario beneficiar ao rural”. Neste sentido, lembrou que a Deputación de Ourense foi a primeira institución provincial galega en integrarse como socia, o pasado ano, nos seis GDR do seu territorio, cumprindo así o acordo unánime alcanzado no debate sobre o estado da provincia de 2021 que abriu unha liña de cooperación técnica, xurídica e económica.

Precisamente a esta vía de colaboración referiuse o presidente do goberno provincial, que avanzou, ante o prantexamento de Gumersindo Lamas, o mantemento das axudas económicas habilitadas o pasado ano para os seis grupos ourensáns (Ourense-Adercou; Carballiño-Ribeiro; Monteval; Sil-Bibei-Navea; e Limia-Arnoia), ademais do soporte que ofrece a institución provincial a través dos seus diferentes servizos. 

25 municipios de catro comarcas integrados no plan

Gumersindo Lamas tamén formulou a necesidade de contar co apoio da Deputación para desenvolver algúns aspectos do proxecto “Aterra”, no que participan 25 municipios ourensáns das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova, integrados neste GDR.

A través deste plan ponse en contacto a persoas que demandan terra, para crear ou ampliar explotacións gandeiras ou agrícolas, cos propietarios de fincas que estean interesados en formalizar a súa cesión, aluguer ou venda. “Unha experiencia pioneira a nivel comarcal -declarou Gumersindo Lamas- que pretende ser unha ferramenta para xestionar e frear o abandono de terras e na que participan oficinas agrarias, asociacións profesionais e a universidade”.

Asesoramento, mapa de usos e parcelas dispoñibles e rede de contactos

O programa ofrece asesoramento técnico a todas as persoas que posúan propiedades e desexen participar nesta iniciativa. Incorporará tamén un mapa cos usos actuais do solo e maila identificación daquelas áreas con maior demanda de terra agraria e as parcelas dispoñibles. Ademais, crearase unha ampla rede de contactos cos axentes sociais do territorio, “claves para o éxito deste proxecto pois son eles os que teñen contacto directo dos demandantes e ofertantes de terreos”, subliñou Lamas.

“Aterra” nace no marco da Lei de recuperación de terra agraria en Galicia, sendo un dos eixos centrais da estratexia de desenvolvemento local que está a deseñar o GDR Limia-Arnoia para o período 2023-2027.