A Deputación reforza a colaboración con Expourense

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo esta mañá unha reunión de traballo no Pazo Provincial co director xerente do recinto feiral, Rogelio Martínez

O goberno provincial cooperará na mellora das instalacións e afondará no apoio das actividades que se realizarán en Expourense ao longo de 2023

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar puxo en valor o traballo realizado por Expourense “posicionando a Ourense como referente internacional no sector feiral”

Ourense, 2 de febreiro de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ao director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, co obxectivo de avaliar as liñas de colaboración abertas co foco neste 2023. Un ano no que, segundo concretou o titular do goberno provincial trala reunión, a Deputación afondará nesta colaboración, cooperando na mellora das instalacións ademais de apoiar as actividades que se realizarán no recinto ourensán nos vindeiros meses. 

Despois da reunión no Pazo Provincial, Manuel Baltar remarcou a “longa e estreita colaboración” entre a Deputación  e Expourense, “que ten neste goberno provincial a un aliado fundamental para levar a cabo feiras internacionais de primeiro nivel como Xantar, Termatalia -que este ano celebrarase en Uruguay- ou Funergal”. 

O presidente da Deputación puxo en valor o traballo realizado por Expourense na “dinamización do noso territorio, tecendo alianzas entre o sector público e o privado, favorecendo as sinerxías e o traballo en rede aos dous lados do Atlántico e posicionando a Ourense como unha referencia internacional no sector feiral”. Ademais, Manuel Baltar tamén resalta a “demostrada capacidade” de Expourense para acoller competicións de atletismo ou eventos de ocio, “sendo unha boa mostra da súa potencia como un motor de progreso para Ourense”.