O Psdeg-Psoe avoga pola concesión do XVII premio Clara Campoamor ás “nais coraxe” da plataforma procapd, á representante sindical lola panero e á unidade de viogén

Encomian a “incansable loita” das nais da plataforma pola construción e xestión pública do CAPD, a implicación de Panero cos dereitos das traballadoras e o traballo dos axentes asignados ao protocolo Viogén

Levarán a proposta a consideración do Consello Municipal da Igualdade, que se reúne este luns para recoller posibles candidaturas aos premios e suxestións de cara á conmemoración do 8M

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 5 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense presenta unha proposta para que o Concello de Ourense conceda o XVII Premio ‘Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes’ ás nais da plataforma ProCAPD, á representante sindical Lola Panero e á unidade de Viogén.

Dende o grupo socialista defenden que estas tres figuras “exercen un labor exemplarizante” como referentes femininos dende os seus respectivos ámbitos, ben sexa o da representación dos movementos asociativos, o da visibilización da muller na acción sindical ou da loita contra a violencia de xénero.

No documento da proposta, as e os socialistas encomian a “incansable loita” das nais da plataforma ProCAPD, que levan dende o ano 2016 reivindicando a construción e xestión pública do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade ante a total pasividade da Xunta de Galicia.   

“Sobre estas mulleres recae non só o peso do coidado de nenas e nenos con diversidade funcional e grandes dependencias, senón tamén a responsabilidade dunha loita que non debería ser tal”, sinalan dende o grupo socialista, ao tempo que engaden que “elas son a viva representación das nais coraxe: mulleres valentes, comprometidas e loitadoras que lideran un movemento asociativo cunha clara compoñente matriarcal”.

En relación a Lola Panero, subliñan a súa implicación cos dereitos das traballadoras e traballadores dende a acción sindical dende hai máis de 20 anos, así como a necesidade de “reparar o inescusable agravio ao que foi sometida por parte do alcalde Jácome en 2022”, cando realizaba o seu labor sindical ás portas da casa do Concello. “É unha oportunidade para restituír o seu honor e sentar exemplo”, inciden.

“A presenza e participación das mulleres no movemento sindical e activista é crucial para avanzar en igualdade, tanto polo exemplo que supoñen para outras mulleres como para asegurar que as reivindicacións feministas teñan visibilidade na axenda sindical”, argumentan a favor da candidatura de Panero.

En canto á unidade de Viogén, as e os socialistas eloxian o traballo desempeñado polos axentes asignados ao servizo Viogén en apoio e protección das vítimas da violencia machista en Ourense. Lembran na súa argumentación que este protocolo estivo ameazado pola decisión do alcalde Jácome de suprimir a vinculación da Policía Local en marzo de 2020, motivo polo que consideran “aínda máis fundamental premiar e blindar o seu traballo a favor da igualdade e en contra da violencia contra as mulleres”, sinalan.

A proposta será levada polo grupo socialista a consideración do Consello Municipal da Igualdade, que se reúne este luns para recoller posibles candidaturas aos premios e tamén suxestións para o programa de actividades de cara á conmemoración do vindeiro 8M.

“Á espera da decisión que tome o xurado, e que será comunicada o vindeiro 17 de febreiro, agardamos que esta proposta sexa ben acollida e que reciba a atención e consideración que merecen cada un dos colectivos e persoas que a integran”, conclúen.