O Psdeg-Psoe de Ourense presenta as candidaturas da Baixa Limia para salvar o territorio do abandono e “impedir que o caciquismo siga imperando na provincia de Ourense”

AUDIOS

MARINA ORTEGA (Deputada no Parlamento de Galicia): https://drive.google.com/file/d/1LVq1d1hkqhWIPD7pdSJXYIgak0u0pNdi/view?usp=share_link
IVÁN ROUCO (Candidato socialista en Lobios): https://drive.google.com/file/d/1LUu3NEL_anvuAuItxXtjr4xaCdAdSbiP/view?usp=share_linkAQUILINO VALENCIA (Alcalde de Calvos de Randín): https://drive.google.com/file/d/1LbBn0dzZu-y5e1CuyK5gBgqjn-3z-4hX/view?usp=share_linkJOSÉ LUÍS ÁLVAREZ (Candidato socialista en Bande): https://drive.google.com/file/d/1LcnrHpZVvj9THOX5YVs94MxM8HaHGXd4/view?usp=sharingJOSÉ LUÍS RODRÍGUEZ (Candidato socialista en Muíños): https://drive.google.com/file/d/1LiKdQI3j9MCIPlV4IixztXASZnL8wDNZ/view?usp=sharingRAMÓN ALONSO (Alcalde de Entrimo): https://drive.google.com/file/d/1Lxi3rFq-k826gcVbDYzGGYyQO4nTpWbt/view?usp=sharingUXÍA TIZÓN (Deputada no Congreso): https://drive.google.com/file/d/1M-ST6U7r8ESeC_TTJaxUT64xsnECGoQb/view?usp=sharing
RAFA VILLARINO (Secretario Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense): https://drive.google.com/file/d/1M9y7BiacUTxo3GKD2tsmfT1nT7jR2nzh/view?usp=sharing
VALENTÍN FORMOSO (Secretario Xeral do PSdeG-PSOE): https://drive.google.com/file/d/1MCqrIRZt-jpiRmbqE0ge2PB0QnAauMez/view?usp=share_link

AVANTAR ACTIVIDADES

Os alcaldes de Entrimo e Calvos de Randín, xunto cos candidatos de Muíños, Bande e Lobios estiveron arroupados por Rafa Villarino, Valentín G. Formoso e outros cargos e militantes de toda a provincia

Destacan a necesidade de recuperar a “política útil” do PSdeG-PSOE para garantir o futuro da veciñanza nunha comarca historicamente abandonada e maltratada polo Partido Popular de Rueda e Baltar

Lobios, 4 de febreiro de 2023. Os alcaldes de Entrimo e Calvos de Randín xunto cos candidatos á alcaldía de Muíños, Bande e Lobios presentaron hoxe as súas candidaturas para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023 nun gran acto no que estiveron arroupados polo secretario provincial de Ourense, Rafa Villarino, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, a deputada no Congreso Uxía Tizón e a deputada no Parlamento de Galicia Marina Ortega, así como outros cargos e militantes socialistas de toda a provincia.

Os socialistas deron o pistoletazo de saída da precampaña electoral cun acto celebrado en Lobios, no que coincidiron en destacar a necesidade da “política útil” do PSdeG-PSOE para mellorar a vida da veciñanza nunha comarca historicamente abandonada e maltratada polo Partido Popular, con exemplos de inacción e desleixo tan notorios coma a falta de impulso á prolongación da AG-31, a inexistencia dun proxecto de chan industrial para afincar empresas logo de 14 anos de demandas ou o total desamparo que padece o Parque do Xurés-Baixa Limia, ademais da sangría demográfica que sacode este territorio cunha media de tan só 14 habitantes por quilómetro cadrado.

“Os responsables de que nos atopemos nesta situación son as persoas que teñen capacidade, competencia e diñeiro para decidir sobre se o territorio progresa ou se estanca, é dicir, a Xunta de Galicia”, sinalou Ramón Alonso, alcalde de Entrimo e candidato á alcaldía nas vindeiras municipais.

“A súa resposta ás nosas demandas foi nula”, lamentou Alonso, quen apuntou tamén á Deputación Provincial de Ourense, á que definiu como “unha institución pública convertida nunha maquinaria de conservación do poder”. Así as cousas, o socialista instou a “reavivar o inconformismo” e “alimentar a rebeldía” para saír da situación de parálise e abandono que padece a comarca.

Neste mesmo sentido manifestouse o candidato á alcaldía de Muíños, José Luís Rodríguez, quen fixo énfase na necesidade de acabar coas “actitudes caciquís” do goberno popular no minicipio e reclamou “discriminación positiva cara aos concellos da Baixa Limia” por parte do goberno provincial e autonómico.

Na súa intervención, o candidato socialista de Lobios, Iván Rouco, subliñou que se presenta ás eleccións municipais para darlle a Lobios “o cambio que tanto precisa”, un cambio ao que tamén fixo alusión o secretario dos socialistas na provincia, Rafa Villarino, quen asegurou que as cifras indican que o socialismo vai camiño de consolidarse como a forza maioritaria na provincia de Ourense, co impulso de candidaturas sólidas, fortes e gañadoras coma as que encabezan os alcaldes e candidatos da Baixa Limia. “Hai futuro”, asegurou Villarino.

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, reprobou a situación de inxustiza que viven os concellos desta comarca polo reparto antidemocrático, discriminatorio e caciquil dos fondos provinciais por parte da Deputación de Baltar, unha situación anómala e única en todo o Estado que os socialistas ourensáns levan denunciado en incontables ocasións.

“Non é de xustiza que un concello de 2.000 habitantes en Ourense reciba un 5 % do que recibe un do mesmo tamaño na Coruña, ou que unha persoa que nace en Padrende non teña os mesmos dereitos que alguén que nace en Vilalba”, exemplificou.

Así mesmo, Formoso aproveitou para agradecerlle a Ramón, Iván, Aquilino, José Luís Álvarez e José Luís Rodríguez que desen “un paso adiante” para “mellorar o mundo nesta provincia” e lembrou que “todo o que fagamos na nosa vida ten consecuencias nos nosos fillos e fillas, netos e netas, e por eles e elas temos a obriga de mellorar as cousas”. 

Por último, a deputada no Parlamento de Galicia Marina Ortega puxo en valor “a política de vocación” dos concelleiros na provincia de Ourense e “o encomiable labor” dos alcaldes nunha provincia na que instou a continuar no camiño da “política construtiva”, en contraposición ás políticas de “confrontación” do Partido Popular na Xunta e na Deputación de Ourense.

Mentres, a deputada no Congreso Uxía Tizón destacou o valor do rural e definiu as aldeas como “a alma do país”, cuestión sobre a que a socialista destacou o compromiso do goberno de Pedro Sánchez, nomeadamente a través da primeira lei para o Desenvolvemento Rural Sostible e as medidas fronte ao reto demográfico postas en marcha polo Goberno de España.