Ribadavia rehabilitou un novo espazo no Casco histórico.

Remataron as obras de mellora dun novo soar ubicado na Praza García Boente de Ribadavia, a carón do Museo Etnolóxico.   Ribadavia, 4 de febreiro de 2023.  Trátase do terceiro solar en estado de abandono que o Concello recupera desde 2021. Agora neste comezo do ano 2023, lógrase recuperar un novo soar que se atopaba en moi mal estado a pesar da súa ubicación principal a carón do Museo Etnolóxico.  Este soar levaba décadas abandonado e pechado por un cerramento de madeira, en deficiente estado de conservación, atopándose invadido pola maleza. Fóra do cerramento de madeira, nos límites do soar, situábanse varios contedores de lixo, que agora retiraranse á extramuros.   

 Estas obras que veñen de rematar realizáronse en dúas fases: A primeira comezou en decembro e consistiron na limpeza, conservación e mantemento no soar coa finalidade de acadar unha redución do impacto visual e, por conseguinte, unha mellora na percepción do contorno. A actuación consistiu en: – Traslado dos contedores de lixo a outra situación. – Retirada do peche de madeira, polo seu grado de deterioro e eliminación da maleza e do lixo existente no interior do soar. – Limpeza mediante chorro de auga a baixa presión de todos os paramentos verticais de fábrica de pedra, coa retirada de restos de pezas de madeira das lacenas así como de restos de antigas conducións de instalacións, e eliminación da vexetación. – Revisión do encontro da parte superior dos muros coas edificacións colindantes e, de ser necesario, colocación de lámina de chumbo nos mesmos para evitar filtracións de auga de chuvia no interior das nomeadas edificacións. – Execución de novo enfoscado de morteiro de cal nas zonas dos paramentos verticais xa enfoscadas, execución dunha pequena pendente na parte horizontal inferior das lacenas, para evitar a acumulación da auga de chuvia, e acabado con pintura de silicato en cor branca.  A segunda fase da obra, rematada hoxe, consistiu na execución de pavimento de lastro de pedra (adoquín) granítica morena, con lixeira pendente para evacuar a auga de chuvia, así como a colocación de escaleiras e rampla de acceso.    Brais Fidalgo, como responsable de urbanismo e casco histórico, reitera o seu agradecemento á familia que doou o solar gratuitamente e e agradece as facilidades que se atopou como concelleiro para adquirilo, logrando gañar un novo espazo público no casco histórico para os veciños. É de agradecer a cesión gratuíta ao Concello por parte de todas as persoas herdeiras desta propiedade, posibilitando a mellora deste espazo para todo o pobo de Ribadavia.  As obras de mellora están sendo moi ben recibidas por parte da veciñanza, tanto das casas colindantes, xa que esta obra permitiu illar e impermeabilizar os muros medianeiros, que ata agora causaban humidades aos inmobles lindeiros, satisfacción que tamén é compartida por todos os veciños do barrio histórico.   Este novo espazo está axunto á praza García Boente, no cruce coa rúa de Santiago e o Museo Etnolóxico, paso obrigado para os milleiros de visitantes que Ribadavia recibe cada ano, polo que a satisfacción tamén é para o sector turístico do noso municipio.   O financiamento desta obra faise a cargo de fondos do Concello de Ribadavia en exclusiva, sen ningunha colaboración nin de Deputación nin da Xunta de Galicia, así, a pesar de ter o casco histórico de Ribadavia a Declaración de BEN DE INTERESE CULTURAL, algo que posúen poucos na provincia, estas administracións non consideran Ribadavia unha prioridade.    Desde o Concello continúan rexistrando proxectos de mellora do casco histórico na Deputación de Ourense para conseguir a súa colaboración no financiamento. Algo que o ente provincial leva anos realizando noutros concellos con menor riqueza patrimonial, algo que non se entendería en Ribadavia nin sería admisible.  – Humanización desde o exterior da Portanova a Campo da Feira. – Rehabilitación do Edificio do Matadoiro, en San Francisco. – Limpeza Ponte San Francisco.   Estes proxectos, presentados fai meses aínda non foron apoiados aínda pola Deputación para a súa realización a través do seu co-financiamento, polo que desde o Concello seguiremos insistindo no merecemento do seu apoio.  O Concelleiro de urbanismo e casco histórico, Brais Fidalgo, manifesta a súa satisfacción pola labor realizada en tan só dous anos no casco histórico, sobre todo en comparación coa escasa labor do anterior goberno. En só dous anos puxeron en marcha numerosos proxectos para a súa posta en valor compaxinando tres liñas de intervención:  1. mellora de espazos públicos e a eliminación de puntos negros: ao solar de García Boente súmaselle o solar da Portanova ou o re-descubrimento do Forno público da rúa dos Fornos. 2. rehabilitación de inmobles ruinosos propiedade do Concello, con catro inmobles en marcha. 3. impulso do plan Rexurbe co seu Plan de Dinamización e a rehabilitación de inmobles privados pola Xunta para vivenda pública de aluguer, cun total de seis inmobles.

AVANTAR ACTIVIDADES