O delegado da Xunta en Ourense supervisa a reforma executada no centro de saúde de Vilar de Barrio

  • Repáranse as portas interiores e procedeuse ao pintado interior así como a substitución dos estores.
  • As actuacións tiveron un orzamento de 8.900 euros e foron froito dun convenio entre Xunta e o concello de Vilar de Barrio.
  • Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 110 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

Ourense, 06 de febreiro de 2023.-  O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Felix Rubial acompañados do alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, visitaron as obras de reforma do centro de saúde de Vilar de Barrio.

O orzamento executado foi de 8.900 euros e froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras consistiron na reparación das portas interiores e procedeuse ao pintado interior así como a substitución dos estores.

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-.  En particular, o concello de Vilar de Barrio recibiu no 2022 a cantidade de 12.216,9 € euros para financiar os mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de110 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse  centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairíz de Veiga, Vilardevós, Maside ou Castrelo de Miño.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando hai que facer reformas.