A Deputación aproba o Plan de Termalismo Saudable e Cultural Termal 2023

Reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (Vicepresidente 1º da Deputación de Ourense); César Fernández Gil (Vicepresidente 2º da Deputación de Ourense); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputado PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Begoña Álvarez Matos (Representante de Intervención); Juan Marquina Fuentes (Secretario Deputación Ourense); Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

A Deputación de Ourense vén de mobilizar máis de 831.000 euros en axudas a concellos e entidades, así como para o desenvolvemento de programas termais, culturais e deportivos, segundo reflicte o contido da Xunta de Goberno celebrada esta mañá baixo a presidencia de Manuel Baltar, que cualificou os acordos adoptados como “unha clara aposta do goberno provincial pola cooperación”.

Manuel Baltar puxo como exemplo dese traballo a aprobación, na sesión de hoxe, de tres programas de subvencións nos ámbitos do termalismo, o deporte e a cultura. Polo que se refire ao primeiro deles, a Xunta de Goberno deu o visto bo ao programa de Termalismo Saudable e Cultura Termal de 2023, que inclúe nesta edición o plan contra a soidade non desexada. Unha iniciativa que, cun orzamento de 105.000 euros, oferta estancias e tratamentos en sete balnearios da provincia, con facilidades para a mobilidade e o percorrido de rutas culturais pola provincia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O apartado de Termalismo Saudable consta de dúas modalidades: estancias balnearias con ou sen transporte en tren, e tratamentos terapéuticos sen estancia. As estancias balnearias, con axudas que van desde os 12 ata os 60 euros, terán unha duración de seis días, de luns a sábado, en réxime de pensión completa, incluíndo 10 técnicas balnearias, a posibilidade de revisión médica e animación social. Para estancias con transporte en tren, os usuarios teñen incluído o billete de ida e volta desde algunha das “estacións termais” que participan no programa –referidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe- con destino á estación de Ourense. Neste caso, os balnearios proporcionan o traslado ata as instalacións e rutas culturais seleccionadas.

Tratamentos sen estancia e para persoas que vivan soas

Os tratamentos terapéuticos sen estancia (reumatolóxico e respiratorio) inclúen axudas de entre 24 e 84 euros, con consulta médica e a posibilidade de realizar 35, 20 ou 10 técnicas balnearias repartidas nun período de tempo que vai dos 10 aos 15 días. O programa de Cultura Termal financia con entre 12 e 20 euros estancias de fin de semana nos balnearios da provincia de dous días de duración, de sábado a domingo, incluíndo pensión completa e dúas técnicas balnearias para adulto.

O plan termal contra a soidade non desexada establece axudas de 75 euros, cunha duración mínima de 6 meses e máxima de 9, durante os cales os beneficiarios recibirán un tratamento semanal. Para participar neste programa prevense dúas vías de acceso: a través dos servizos sociais de concellos e mancomunidades ou como usuarios do servizo provincial de teleasistencia.

Os balnearios adheridos ao programa son os de Baños de Molgas, O Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios, Cortegada e Caldas de Partovia. As solicitudes poderán presentarse por vía telemática (termalismourense.com) desde o día seguinte á publicación das bases no BOP. As axudas concederanse por orde de recepción das solicitudes ata esgotar o seu orzamento.