A Deputación mobiliza 831.000 euros en axudas e programas “nunha clara aposta do goberno provincial pola cooperación”

Desde a Xunta de Goberno, afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, “somos quen de sentir o pulso da provincia, pero tamén demostramos a nosa capacidade de colaboración económica grazas a unha xestión orzamentaria que arroxa resultados positivos”

Na sesión desta mañá aprobáronse as bases reguladores dos programas de termalismo social, de axuda a actividades de artes escénicas e musicais, e para a participación dos clubs deportivos en competicións

AVANTAR ACTIVIDADES

Sete concellos e seis entidades recibirán achegas, por un importe total de case 316.000 euros, para o financiamento de proxectos e actividades

A Xunta de Goberno expresou a súa repulsa polo crime machista ocorrido esta semana en Baiona 

Ourense, 8 de febreiro de 2023.- A Deputación de Ourense vén de mobilizar máis de 831.000 euros en axudas a concellos e entidades, así como para o desenvolvemento de programas termais, culturais e deportivos, segundo reflicte o contido da Xunta de Goberno celebrada esta mañá baixo a presidencia de Manuel Baltar, que cualificou os acordos adoptados como “unha clara aposta do goberno provincial pola cooperación”.

Desde a Xunta de Goberno, afirmou Manuel Baltar, “somos quen de sentir o pulso da provincia, pero tamén demostramos a nosa capacidade de colaboración económica grazas a unha xestión orzamentaria que arroxa resultados positivos”. Só desde esta eficiencia no traballo, engadiu o presidente da Deputación, “podemos axudar e garantir que concellos e entidades desenvolvan as súas actividades”.

Manuel Baltar puxo como exemplo dese traballo a aprobación, na sesión de hoxe, de tres programas de subvencións nos ámbitos do termalismo, o deporte e a cultura. Polo que se refire ao primeiro deles, a Xunta de Goberno deu o visto bo ao programa de Termalismo Saudable e Cultura Termal de 2023, que inclúe nesta edición o plan contra a soidade non desexada. Unha iniciativa que, cun orzamento de 105.000 euros, oferta estancias e tratamentos en sete balnearios da provincia, con facilidades para a mobilidade e o percorrido de rutas culturais pola provincia. 

O apartado de Termalismo Saudable consta de dúas modalidades: estancias balnearias con ou sen transporte en tren, e tratamentos terapéuticos sen estancia. As estancias balnearias, con axudas que van desde os 12 ata os 60 euros, terán unha duración de seis días, de luns a sábado, en réxime de pensión completa, incluíndo 10 técnicas balnearias, a posibilidade de revisión médica e animación social. Para estancias con transporte en tren, os usuarios teñen incluído o billete de ida e volta desde algunha das “estacións termais” que participan no programa –referidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe- con destino á estación de Ourense. Neste caso, os balnearios proporcionan o traslado ata as instalacións e rutas culturais seleccionadas.

Tratamentos sen estancia e para persoas que vivan soas

Os tratamentos terapéuticos sen estancia (reumatolóxico e respiratorio) inclúen axudas de entre 24 e 84 euros, con consulta médica e a posibilidade de realizar 35, 20 ou 10 técnicas balnearias repartidas nun período de tempo que vai dos 10 aos 15 días. O programa de Cultura Termal financia con entre 12 e 20 euros estancias de fin de semana nos balnearios da provincia de dous días de duración, de sábado a domingo, incluíndo pensión completa e dúas técnicas balnearias para adulto.

O plan termal contra a soidade non desexada establece axudas de 75 euros, cunha duración mínima de 6 meses e máxima de 9, durante os cales os beneficiarios recibirán un tratamento semanal. Para participar neste programa prevense dúas vías de acceso: a través dos servizos sociais de concellos e mancomunidades ou como usuarios do servizo provincial de teleasistencia.

Os balnearios adheridos ao programa son os de Baños de Molgas, O Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios, Cortegada e Caldas de Partovia. As solicitudes poderán presentarse por vía telemática (termalismourense.com) desde o día seguinte á publicación das bases no BOP. As axudas concederanse por orde de recepción das solicitudes ata esgotar o seu orzamento.

Programas de apoio á cultura e o deporte

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases que regularán a concesión de subvencións para festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais, a desenvolver entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023. O orzamento para esta convocatoria é de 60.000 euros. Os solicitantes poderán presentar ata un máximo de dous proxectos e as axudas terán como límite o 70 % do custo total de cada proposta. En calquera caso, ningún beneficiario poderá obter achegas por un importe superior a 20.000 euros. As solicitudes poderán presentarse ata o 15 de marzo de 2023

O terceiro programa aprobado corresponde ás subvencións a clubs deportivos para financiar parcialmente os gastos da súa participación en competicións na temporada 2022-2023. A contía máxima dispoñible para estas axudas é de 350.000 euros, cunha contía máxima de 24.000 por beneficiario. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 25 de marzo.

Colaboración con concellos e entidades

Polo que se refire á cooperación cos concellos, as axudas aprobadas foron as seguintes: 18.000 euros para a rehabilitación da casa do xuíz do Couto Mixto en Baltar; 48.000 para regas asfálticas en catro núcleos de poboación de Cartelle; 10.000 para a mellora de acceso á poboación de Costrela en Parada de Sil; e 40.000 para financiar gastos de funcionamento da Mancomunidade Terra de Celanova. O Concello de Larouco pecha esta lista con tres subvencións por un importe próximo aos 67.000 euros para o cambio de luminarias en Portela, a mellora de instalacións eléctricas no complexo deportivo; e o mailo cofinanciamento do Plan Hurbe no núcleo de Seadur.

No apartado de colaboración con entidades concedéronse 10.000 euros á Federación Española de Karate para a organización do campionato de España de 2023; e coa finalidade en todos os casos de contribuír aos gastos de funcionamento, 26.000 euros para o Liceo de Ourense; 15.000 euros para o Centro Comercial Aberto do Barco; 21.000 á Fundación para a Protección a Discapacitados Psíquicos da comarca de Verín; 26.000 á Fundación Curros Enríquez; e 35.000 euros para a Fundación Otero Pedrayo.

Declaración institucional sobre o uso do galego na xustiza e repulsa do crime machista ocorrido o pasado luns en Baiona

Na reunión da Xunta de Goberno aprobouse unha declaración institucional asinada pola Irmandade Xurídica Galega, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense a favor do uso do galego en calquera actuación xudicial, “de xeito que se poida utilizar verbalmente e por escrito sen ningunha clase de atranco ou prevención, e sen que comporte demoras indebidas na tramitación dos procesos.

Por último, e no capítulo de comunicacións de Presidencia, a Xunta de Goberno expresou a súa “completa repulsa” polo crime machista ocorrido esta semana en Baiona e no que perdeu a vida Beatriz Lijó Gesteira, de 47 años, a mans presuntamente da súa exparella. “Toda a nosa solidariedade coa familia e amigos de Beatriz, e todo o noso compromiso dende as institucións públicas para loitar contra esta terrible lacra social”, remarcou o presidente da Deputación, Manuel Baltar.