As películas patrocinadas pola Deputación de Ourense suman 26 nominacións na XXI edición dos premios Mestre Mateo

“O corpo aberto” (16 nominacións), apoiada polo goberno provincial e gravada na Baixa Limia, é a película con máis candidaturas da XXI edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual

“O home e o can” (4 nominacións), “Live is life” (4) e “Valentina” (2) completan a lista de películas patrocinadas pola Deputación con presenza na gala, que se celebrará o vindeiro 11 de marzo en Ourense

AVANTAR ACTIVIDADES

Na categoría de mellor película, tres das catro candidatas son filmes gravados na provincia coa colaboración do goberno provincial ourensán: “O corpo aberto”, “O home e o can” e “Live is life”. As tres longametraxes foron estreadas no Festival de Cine de Ourense

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, transmite os seus parabéns aos nominados e resalta o peso específico da provincia no sector audiovisual galego: “Estas candidaturas acreditan os froitos do traballo realizado para converter a Ourense no gran plató de cine de Galicia, con películas gravadas en diferentes localizacións da Baixa Limia, a Ribeira Sacra, a capital, San Cibrao das Viñas ou San Cristovo de Cea”

Ourense, 7 de febreiro de 2023.- O cinema gravado en Ourense co apoio da Deputación suma 26 nominacións aos XXI Premios Mestre Mateo, segundo desvelou esta tarde a Academia Galega do Audiovisual. “O corpo aberto” é a película máis seleccionada nesta edición polos académicos (16 candidaturas), nunha lista de películas nominadas co apoio do goberno provincial completada por “O home e o can” (4), “Live is life” (4) e “Valentina” (2). 

Dentro da ampla presenza de filmes con selo ourensán entre os candidatos destaca a categoría de mellor película, onde tres das catro películas contan co patrocinio do goberno provincial e foron gravadas na provincia: “O corpo aberto”, “O home e o can” e  “Live is life”. As tres longametraxes -que compiten nesta categoría dos Mestre Mateo xunto a “Código emperador”- foron estreadas no Festival de Cine de Ourense. 

“O corpo aberto”, de Ángeles Huerta, posiciónase coma a gran favorita para a gala dos Mestre Mateo, que se celebrará en Ourense o vindeiro 11 de marzo dentro do acordo de colaboración entre a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual. A película parte dun conto titulado “Lobosandau”, o primeiro dos dez relatos que integran o libro “Arraianos” de Xosé Lois Méndez Ferrín, e está gravada en Lobeira, Bande e Muíños. Ademais da mencionada nominación a mellor película, suman candidaturas a súa directora; actores como Tamar Novas, María Vázquez,  e Victoria Guerra; e en boa parte das candidaturas técnicas, como montaxe, son, dirección de arte ou dirección de fotografía.

“O home e o can”, de Ángel de la Cruz, suma catro candidaturas: ademais de mellor película compite en mellor guión -o propio director-, mellor actor principal -Manuel Manquiña-, e mellor dirección de fotografía. O filme, “unha homenaxe ao neorrealismo italiano” segundo o seu director, é un drama que conta unha emotiva historia arredor da soidade dos maiores e o abandono do rural, con escenarios nun pequeno pobo de San Cristovo de Cea e unha vintena de lugares seleccionados da capital ademais das escenas rodadas no polígono de San Cibrao das Viñas. 

“Live is life”, de Dani de la Torre, compite en mellor película e nas categorías de mellor montaxe, vestiario e dirección de arte. O filme, que mestura elementos de comedia e drama, está ambientado na Galicia de mediados dos anos 80 e foi rodado na Ribeira Sacra. 

Por último, “Valentina”, de Ángeles Loureiro, está nominada á mellor película de animación desta edición dos Mestre Mateo despois de gañar o Goya en 2022. Ademais, este filme patrocinado pola Deputación tamén é candidata á mellor música orixinal, de Nani García. 

Manuel Baltar: “Estas nominacións volven a acreditar os froitos do traballo realizado para converter a Ourense no mellor plató de cine de Galicia”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, transmite os seus parabéns aos equipos técnicos e artísticos de todas as películas nominadas e resalta o peso específico da provincia no sector audiovisual galego: “Estas candidaturas acreditan os froitos do traballo realizado para converter a Ourense no gran plató de cine de Galicia, con películas gravadas en diferentes localizacións da Baixa Limia, a Ribeira Sacra, a capital, San Cibrao das Viñas ou San Cristovo de Cea”. 

Manuel Baltar pon en valor a estratexia desenrolada polo goberno provincial para potenciar o sector audiovisual na provincia de Ourense: “Unha liña de traballo que levou a un 2022 histórico, cunha decena de rodaxes e ata cinco producións gravadas dun xeito simultáneo”. E sinala a importancia da consolidación do OUFF como o “festival de cine de Galicia” ou a implementación da Ourense Film Commision, “nun posicionamento referencial de Ourense dentro da industria audiovisual que leva a acoller os Mestre Mateo ou o programa para guionistas e produtores  ‘European Writers Club”.