Así o expuxo Rafa Villarino nunha xunta de portavoces extraordinaria celebrada esta mañá a petición dos e das socialistas na que o PP asegurou que daría traslado da proposta ao presidente provincial
O portavoz invitou ao resto de partidos –PP, DO e BNG– a acadar un “consenso” que permita un reparto “obxectivo e, moi importante, operativo” da modificación orzamentaria que están a elaborar
Ourense, 8 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE vén de propor a constitución dun grupo de traballo formado por unha representación proporcional de todos os grupos políticos da corporación provincial, co fin de aprobar un instrumento de cooperación que permita executar un reparto xusto, equitativo e operativo dos fondos públicos da Deputación de Ourense. Así o expuxo Rafa Villarino nunha xunta de portavoces extraordinaria celebrada este mediodía no Pazo Provincial a petición dos e das socialistas.
O portavoz invitou ao resto de partidos –PP, DO e BNG– a acadar un “consenso” que permita un reparto “obxectivo e, moi importante, operativo” destes cartos, sempre baixo uns “criterios claros”, antes de recordar que, na primeira modificación do pasado exercicio, o “83 % destes fondos foron parar a gobernos locais do PP”, en vez de ser distribuidos entre todos os concellos “de xeito equitativo, obxectivo, operativo e, non fondo, democrático”.
Durante o encontro, Villarino puxo sobre a mesa, a modo de exemplo, proxectos presentados polos concellos socialistas ourensáns que foron desatendidos polo goberno provincial por importe de 16,8 millóns. “O que pedimos hoxe foi que a democracia se respectase nesta nova modificación orzamentaria”, insistiu logo de remachar a necesidade de establecer uns “criterios obxectivos” en base a un “consenso”.
“Máis alá dunha decisión unipersoal, o que acordemos debe ser unha decisión consensuada entre todos e todas os que formamos parte desta administración pública que nos representa na provincia”, aseverou o líder do PSOE tras explicar que quedan “á espera” da resposta do presidente, xa que o fin último pasa porque “ningún concello se sinta discriminado”.
Os e as socialistas queren “tratar de evitar que Manuel Baltar volva repartir caciquilmente decenas de millóns mediante macromodificacións orzamentarias”. Por iso pretenden “equiparar a Ourense ao resto de Galicia e ao resto de España en estándares democráticos”, tratando de aprobar neste órgano un modelo de distribución xusta e equitativa, logo ter coñecemento da próxima aprobación dunha nova modificación baseada en subvencións a dedo.
O grupo provincial recorda que este “sistema caciquil”, articulado unilateralmente polo PP e pola presidencia provincial en mans de Baltar, provocou que a veciñanza ourensá “teñan pouca ou ningunha confianza no noso sistema político local e na capacidade desta deputación para actuar en beneficio da comunidade”, algo que “claramente prexudica a imaxe da deputación”. “O descontento e a destrución da confianza e da imaxe da institución é evidente”, insiste.
No caso de que o goberno do Partido Popular da deputación insista en aprobar un novo reparto millonario, absolutamente “discrecional e ditatorial” dos cartos públicos en pleno ciclo electoral, desde o PSdeG-PSOE anuncian que “levaran estes feitos ás institucións e órganos que correspondan”, co fin de “poñerlle freo” a este “disparate”, para “protexer os intereses comúns de toda a veciñanza de Ourense”.