O Campionato de España de atletismo de clubs en pista cuberta reúne este sábado a 300 atletas en Expourense

A Deputación colabora cunha competición que reunirá aos mellores clubs de atletismo de España en categoría masculina e feminina 

Ourense, 8 de febreiro de 2023.- A pista de atletismo de Expourense acolle este sábado, 11 de febreiro, o Campionato de España de atletismo de clubs en pista cuberta na categoría masculina -Copa Joma- e feminina -Copa Iberdrola-.

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación da competición que reunirá aos mellores clubs de atletismo de España coa colaboración do goberno provincial ourensán. Rosendo Fernández estivo acompañado polo delegado da Xunta, Gabriel Alén; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o representante da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), Santiago Ferrer; o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Lalo Gómez; a presidenta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, Charo Castro; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. 

Participarán nesta competición algúns dos mellores atletas de España que aproveitarán para afinar a súa preparación de fronte ao Campionato de España Absoluto que se celebrará o 18 de febreiro, buscando ademais a clasificación para o Campionato de Europa. Xunto cos preto de 300 deportistas e persoal da organización, espérase que se desprace público de toda a xeografía española para seguir esta competición que, sumado á retransmisión en streaming a través das canles da RFEA, converterá a Pista Cuberta de Atletismo de Galicia en Expourense en capital nacional de atletismo durante a fin de semana. 

A competición organizada pola Real Federación Española de Atletismo, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e Sociedade Ximnástica de Pontevedra desenvólvese na tarde do sábado (16,00 – 21,30 horas), sendo as cerimonias de premiados da Copa Iberdrola (feminina) ás 18,20 aproximadamente e a da Copa Joma (masculina) ás 21,05. A asistencia a este campionato é libre e gratuíta ata completar o aforo de Expourense.