A Deputación reforza a promoción do Entroido ourensán coa edición dun programa que recolle 375 celebracións e un xogo dos Bolechas para os escolares da provincia

No Centro de Interpretación do Entroido de Mugares (Toén), Manuel Baltar presentou unha publicación que contribúe a divulgar unha das festas “que nos convirte na provincia de España e un dos territorios de Europa con maior riqueza etnográfica”

Hoxe, afirmou o presidente do goberno provincial, “rendemos homenaxe ás xeracións que durante séculos fixeron do Entroido un xeito especial de vivir este momento do ano e que forma parte da nosa ialma

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación editou 20.000 exemplares do Programa provincial do Entroido 2023, no que se recompilan os 375 actos previstos en 65 localidades de 39 concellos, a celebrar entre hoxe xoves, Día de Compadres, e o domingo 26, Día de Piñata.

A promoción complétase con 2.000 exemplares do xogo de “Trivial” Os Bolechas-Entroidos de Ourense, que se repartirán en todos os colexios da provincia para que os escolares profunden na xeografía, a historia, os costumes e traxes e máscaras do carnaval ourensán

Ourense, 9 de febreiro de 2023.- O Centro de Interpretación do Entroido de Mugares, no Concello de Toén, acolleu esta mañá a presentación do programa que vén de editar a Deputación de Ourense para reforzar a promoción dunha das festas “que nos convirte na provincia de España e un dos territorios de Europa con maior riqueza etnográfica”. Así o afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, durante a presentación das 375 actividades reunidas na publicación, acto no que estivo acompañado polo alcalde de Toén, Ricardo González, e por unha representación das personaxes tradicionais do entroido deste municipio -señoritas, labardeiros, mazarucos e mazarucas-. Na divulgación do Entroido ourensán tamén participarán Os Bolechas, cun xogo de “Trivial” que chegará a todos os colexios da provincia para que os escolares aprendan os aspectos máis tradicionais desta celebración.

Coa edición do programa e maila participación dos Bolechas, dixo Manuel Baltar, “o goberno provincial pon en valor un dos nosos sinais de identidade, unha tradición que nos diferencia como pobo”. Estes días, afirmou, “rendemos homenaxe ás xeracións que durante séculos fixeron do Entroido un xeito especial de vivir este momento do ano, pervivindo hoxe como unha das nosas mellores embaixadas e facendo máis atractiva a provincia para os visitantes grazas a todas estas actividades, que falan ben, moito, alto, claro e en maiúsculas da importancia do Carnaval en Ourense, que forma parte da nosa ialma“.

Manuel Baltar remarcou que Ourense é a única provincia española “que pode presumir de contar cun carnaval declarado como Festa de Interese Turístico Internacional, o de Xinzo de Limia; outro de carácter nacional como Verín; e cinco máis de interese galego como Laza, Maceda, Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso”. Outros vinte concellos tamén teñen o recoñecemento de entroidos tradicionais.

Acompañado por membros da corporación municipal e pola presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Amencer, Ángela Iglesias, o alcalde de Toén expresou a súa honra por presentar este programa no Centro de Interpretación do Entroido de Mugares, inaugurado hai un ano “e no que contamos coa colaboración da Deputación e o compromiso persoal de Manuel Baltar, que non dubidou en axudarnos neste proxecto”.

Ricardo González aproveitou a ocasión para agradecer á asociación de mulleres rurais a recuperación do Entroido de Mugares, “que ten máis de cen anos de historia e agora celebra o vinte aniversario do regreso ás rúas dos traxes de Señoritas e Lavardeiros”.

Distribución do programa entre hostaleiros e oficinas de turismo, ademais da emisión dun spot de televisión

A Deputación editou un total de 20.000 exemplares do Programa provincial do Entroido 2023, no que se recompilan os 375 actos previstos en 65 localidades de 39 concellos, a celebrar durante os próximos 18 días, entre hoxe xoves, Día de Compadres, e o domingo 26, Día de Piñata. A publicación estase a distribuír en establecementos hostaleiros e oficinas de turismo de toda a provincia, así como nas principais cidades galegas, dentro dunha promoción completada cun spot sobre esta festa. 

Para afondar na divulgación desta celebración, o goberno provincial tamén contará de novo, como fixo en 2021, coa colaboración dos Bolechas, que este ano achegarán a todos os colexios da provincia 2.000 exemplares dun xogo tipo “Trivial”, nos que os escolares terán que completar un percorrido contestando a preguntas que xiran en torno a tres eixos temáticos: xeografía e historia, costumes e cultura e traxes e máscaras.

Os Bolechas-Entroidos de Ourense inclúe máis de trinta festas de toda a provincia, desde as máis famosas -caso dos entroidos de Xinzo de Limia, Verín e Laza-, ata outros menos coñecidos pero tamén interesantes ao mesturar a tradición histórica coa singularidade propia. O obxectivo é dar a coñecer a enorme riqueza cultural en torno ao carnaval na provincia, mantendo vivo o espírito dunha desta celebración.