Aprobada a memoria económica que avala o cambio á xestión directa do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento

A comisión encargada dos trámites para este cambio do servizo provicial deu luz verde a este documento, que inclúe os aspectos xurídicos vencellados á subrogación como persoal propio dos 75 bombeiros que traballan nos parques de Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras

O cambio de xestión foi aprobado no último pleno do Consorcio Provincial, o 26 de xaneiro, e iniciouse o 1 de febreiro

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 9 de febreiro de 2023.- A comisión mixta encargada dos trámites para a implantación da xestión directa nos catro parques de bombeiros do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, integrada por Deputación de Ourense e Xunta de Galicia, deu luz verde esta mañá á memoria económica que avalía este cambio de xestión, aprobado no último pleno, do pasado 26 de xaneiro, e iniciado o 1 de febreiro. 

Na memoria aprobada na reunión de hoxe tamén quedan incluídas os aspectos xurídicos vencellados á subrogación como persoal propio dos 75 bombeiros que traballan nos parques de Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras. Esta subrogación realizarase en base á sentencia do Tribunal Supremo 89/2022 do 1 de febreiro de 2022 de unificación de doctrina. Con esta decisión, o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamentos da cumprimento do compromiso adqurido cos bombeiros. 

A memoria económica pasará agora á exposición pública e en paralelo convocarase unha mesa de negociación cos representantes sindicais. Estes serán o paso previo á aprobación definitiva do paso á xestión directa, que se realizará no pleno ordinario do mes de marzo despois de cumprimentar os pasos previos xa mencionados. 

A reunión de hoxe celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa asistencia, entre outros, do presidente do consorcio e deputado de Cooperación, Pablo Pérez; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o subdirector xeral de Emerxencias e Coordinación, Andrés Iglesias; a secretaria territorial da Delegación da Xunta, Silvia Dorado; e o xefe territorial de Presidencia, Manuel Pardo.