Carlos Sousa asume o reto de encabezar a lista do Psdeg-Psoe de a Merca nas vindeiras municipais co obxectivo de recontruír o rural con “cabeza, coraxe e corazón”

Subliña que se presenta a estas eleccións municipais porque “decidín analizar a situación do municipio, e tras valorar que podía aportar para mellorar a situación que vive A Merca, optei por dar este paso”

Sousa destaca que o principal obxectivo para os vindeiros meses “é ofrecer ideas e conceptos diferentes” e apunta que “temos moitos activos a nosa disposición que xustifican a ambición de traballar polo municipio e de ofrecerlle un mellor futuro a nosa veciñanza”

AVANTAR ACTIVIDADES

A Merca, 10 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de A Merca vén de elixir o que será o seu candidato de cara as eleccións municipais do 28 de maio. Trátase de Carlos Sousa, que asume o reto de encabezar a lista dos socialistas, substituíndo deste xeito a David Outomuro, candidato nos últimos comicios electorais. Sousa, nado en Sajonia (Alemaña) retornou fai 2 anos a aldea de Pereira de Montes, onde están as súas raíces e implicouse activamente no día a día desta poboación, activando a vida cultural do municipio.

O novo candidato socialista do PSdeG-PSOE en A Merca subliña que se presenta a estas eleccións municipais porque “decidín analizar a situación do municipio e tras valorar que podía aportar para mellorar a situación que vive A Merca, optei por dar este paso”. Neste senso, Carlos Sousa explica que “non sei máis que os meus veciños e veciñas, pero si que sei que as cousas poden facerse de xeito distinto, e con este coñecemento e as miñas experiencias, sumado ao que me aporta a veciñanza, podemos lograr un goberno que mude o presente e o futuro do noso concello”.

Sousa destaca que o principal obxectivo para os vindeiros meses “é ofrecer ideas e conceptos diferentes” e apunta que “quero gañar as eleccións, pero tamén quero deixar claro, que gañe quen gañe, farei todo o posible para enriquecer os debates, coa idea de encontrar a mellor forma de avanzar como municipio, xa que necesitamos máis proposicións, e non só a crítica”. O candidato afirma que decidiu presentarse polo PSOE “porque teño case tatuados os valores do partido, que busca o mesmo ca min, o equilibrio entre os factores que definen o éxito dunha sociedade, dos seus habitantes, do capital ou do medio ambiente” e explica tamén que “apostamos por escoitar, por buscar e fomentar a diferencia, porque nela reside a beleza, que é precisamente a diferencia que nos fai únicos como individuos, como pobo ou como pais”.

Con respecto a situación que vive A Merca, Sousa amósase claro “nos últimos 100 anos baixamos de 6.500 habitantes a 2.600 e nos últimos 30 perdemos outros 600” e subliña ademais que a poboación “está cada vez máis envellecida”, que as infraestruturas “son cada vez máis deficitarias” e que o sector produtivo “é extremadamente vulnerable”. Neste senso tamén apunta a que un dos problemas “é que levamos dende as primeiras eleccións municipais gobernados polo mesmo partido, que desangrou o noso municipio”.

Carlos Sousa pon o foco na necesidade de “reconstruír” o rural, xa que tal e como apunta “temos moitos activos a nosa disposición que xustifican a ambición de traballar polo municipio e de ofrecerlle un mellor futuro a nosa xente”. Entre estes activos destaca “a calidade humana, o traballo da veciñanza, a contorna, pola proximidade con Ourense e o acceso ó AVE, a historia, as tradicións e compromiso que temos coa nosa terra”. Considera que o rural “hai que reconstruílo con coraxe, cabeza e corazón” e aposta pola mocidade afirmando que “hai que crear espírito empresarial para ter emprendedores e que a mocidade quede no noso concello”.

Para o novo candidato do PSdeG-PSOE de A Merca tamén é moi importante a xente maior do municipio “aos que temos que agradecerlles moitísimos, porque son o piar da nosa sociedade e resulta moi difícil ver a soidade na que viven, pola falta de cousas tan simples como o transporte público”. Neste senso destaca que na Merca “pechou o supermercado, o banco e a última cafetería, polo que para estar rodeado de xente hai que desprazarse ata A Manchica, a 2 quilómetros, algo que resulta difícil para os maiores que non dispoñen de coche”. Destaca que A Merca e os seus habitantes “merecen vivir como en calquera outra parte de España, cuns servizos básicos e dignos e nun municipio no que haxa futuro para todos e todas”.

Sousa tamén afirma que recibe “moitas visitas de amigos e empresarios de fora, que quedan encantados con esta zona”, por este motivo considera que “hai que promover o que somos e o que podemos ser, creando capacidades adicionais no conxunto como son a educación, a capacitación ou empoderamento e para iso fai falta buscar e identificar os aliados necesarios e levar a cabo un cambio nas políticas municipais para que teñamos éxito”.

Por último, o candidato socialista amósase moi crítico coa subida do recibo da auga, levado a cabo polo goberno municipal do PP neste 2023, sinalando que “con moitas familias vulnerables, con nenos e con ingresos baixos e tamén con moitos xubilados esta subida supón un grave prexuízo os seus petos, xa de por si castigados pola subida dos costes e que agora se atopan con esta subida abismal no recibo da auga, algo que considero desproporcionado e fora de lugar”.