A Deputación renova súa alianza co piragüismo galego para a promoción deste deporte e as láminas de auga da provincia

Sinatura convenio de colaboración entre a Deputación Ourense, representada polo seu Presiente, o popular Manuel Baltar e a Federación Galega de Piragüsimos, representada polo seu Presidente, José Alfredo Bea.

A Deputación de Ourense e a Federación Galega de Piragüismo veñen de renovar a súa alianza para a promoción desta disciplina deportiva na provincia, así como para dar a coñecer as óptimas condicións das láminas de auga que se estenden por todo o territorio ourensán para a práctica dos deportes náuticos. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente da federación galega, José Alfredo Bea, asinaron no Pazo Provincial un novo convenio de colaboración que inclúe a celebración na provincia de catro campionatos de ámbito autonómico, dous nacionais e maila Copa Deputación 2023, con alo menos tres regatas.

Manuel Baltar, satisfeito coa renovación desta colaboración iniciada o pasado ano, afirmou que “Ourense é sinónimo de piragüismo”, ofrecendo a esta especialidade “o mellor territorio de toda a península para o desenvolvemento de deportes náuticos”. Esta alianza entre a Deputación e a federación galega, declarou Baltar, “non só vai axudar aos nosos clubs e deportistas, que poderán participar en campionatos nacionais e autonómicos, senón que tamén reforza ese ecosistema de turismo deportivo que fomos quen de crear durante este tempo, logrando que sexa un dos grandes atractivos da nosa provincia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

José Alfredo Bea tamén destacou a importancia deste convenio para promoción do piragüismo “nunha provincia con potencial como é Ourense e que xa está a dar os seus froitos tanto a nivel de deportistas individuais como de clubs, que traballan día a día para captar aos mellores remeiros”. Non obstante puxo énfase na provincia “como un dos territorios europeos coas mellores láminas de auga”, entre as que se atopan o parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño, o encoro de As Conchas en Muíños, tramos do río Miño no municipio de Coles ou do río Sil no Barco de Valdeorras.

Dez probas provinciais, autonómicas e nacionais 

Precisamente estes encoros e ríos acollerán os sete campionatos provinciais, autonómicos e nacionais, cun total de dez probas, que se recollen no convenio asinado entre a Deputación e a federación galega. No que se refire a Galicia, as probas que se disputarán, todas en febreiro, son: os campionatos galegos de inverno júnior, sénior e veteranos nas modalidades de K-1 e C-1 e  K-2 e C-2, as dúas de paracanoe e ambas en Barbantes (Cenlle); e os campionatos de novas promesas en K-4 e C-4 e a regata sénior, júnior e veteranos, ambas en Castrelo de Miño.

Os dous torneos de ámbito nacional son o Campionato de España de Media Maratón, en Muíños no mes de abril, e o descenso de augas bravas polo río Sil, na modalidade de patrullas, no Barco de Valdeorras en maio.

Polo que se refire á Copa Deputación, a presente tempada contará cun mínimo de tres regatas máis un campionato provincial que se celebrarán nas localidades onde teñen sede os clubs da provincia ou limítrofes: A Rúa, Allariz, Castrelo de Miño, Muíños e Coles. Tamén se prevé a posibilidade de aumentar o número de probas a outras sedes para dar maior visibilidade ao piragüismo na provincia.

Con este traballo de promoción, a Deputación e maila federación procuran aumentar o número de clubs e licencias de deportistas na provincia, sexan de competición ou só de carácter turístico, ademais da creación de novas instalacións ou mellora das xa existentes, e ofrecer máis apoio aos equipos para os adestramentos.