A Deputación obtén o remanente de tesourería máis alto da súa historia: 63 millóns de euros “que falan dunha xestión económica sobresaínte”

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, afirmou hoxe que este remanente é o resultado dun traballo “rigoroso e ben formulado por un equipo técnico que interpreta perfectamente as directrices políticas que emanan dos plans de mandato”

Avanzou que coa liquidación do orzamento de 2022 presentarase ao pleno de febreiro unha modificación de crédito de case 17,5 millóns de euros “para reforzar as liñas estratéxicas de actuación do goberno provincial”

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre os proxectos incluídos na modificación de crédito sobresae a achega de 1,2 millóns de euros á Universidade de Vigo para a ampliación do Campus; o reforzo das políticas sociais cun proxecto pioneiro contra a soidade non desexada e a potenciación do BenOurense; ou a colaboración cun centenar de entidades sociais representativas da provincia

Ourense, 13 de febreiro de 2023.- A Deputación de Ourense obtivo en 2022 o remanente de tesourería máis alto da súa historia con 63.081.558 euros, “grazas a unha xestión económica que só ten o cualificativo de sobresaínte”, afirmou esta mañá Manuel Baltar durante a presentación no Pazo Provincial das liñas estratéxicas que marcarán a modificación de crédito que se presentará ao pleno ordinario de febreiro, o próximo día 24. Un documento que recolle achegas a iniciativas e proxectos por un importe próximo aos 17,5 millóns de euros nos ámbitos universitario, de atención a maiores, servizos sociais, emerxencias, eficiencia enerxética, cultura, deporte, infraestruturas, e colaboración co Inorde, entidades e concellos.

Manuel Baltar destacou que a palabra cooperación define a acción política do goberno provincial, “concretada grazas aos recursos obtidos como consecuencia dunha boa xestión económica da que podemos falar alto, claro e con letras maiúsculas”. Os 63 millóns de euros de remanente, dixo, son o resultado dun traballo “rigoroso e ben formulado por un equipo técnico que interpreta perfectamente as directrices políticas que emanan dos plans de mandato”. Manuel Baltar subliñou que este labor “permite que presumamos, como o facemos cando as contas son as que son, e non contos, desa débeda cero conseguida en anos pasados”. 

Coa liquidación do orzamento de 2022, explicou o presidente da Deputación, “presentaremos ao pleno de febreiro unha modificación de crédito de case 17,5 millóns de euros, aproximadamente a cuarta parte do remanente”, detallando a continuación as achegas previstas “para reforzar as liñas estratéxicas de actuación”. 

Colaboración coa Universidade de Vigo

Destacou en primeiro lugar a colaboración coa Universidade de Vigo, “para ir da man da fábrica de talento do territorio que é o campus de Ourense”. A Deputación destina 1,2 millóns de euros para ampliación do campus, cantidade que se suma á achega incluída no convenio anual, e que en 2023 alcanza a cifra máis alta da historia con 300.000 euros, que ademais permitirá poñer en marcha unha cátedra innovadora de planificación rural e desenvolvemento do territorio, “única no sistema universitario galego e singular no contexto estatal”.

Solucións tecnolóxicas para atender aos maiores e potenciación do BenOurense

Recollendo as propostas formuladas no último debate sobre o estado da provincia, Manuel Baltar apuntou como segunda liña de actuación o programa contra a soidade non desexada e o envellecemento activo, Así, referiuse  a SeniOURtv,  unha solución tecnolóxica que promove a saúde, o benestar e a autonomía persoal a través das TIC. Un servizo de teleasistencia avanzada a través de dispositivos móbiles que, dotado con 1 millóns de euros, “ten relevancia de seu pois converterá a Ourense no primeiro territorio europeo en ofertar un servizo pioneiro na atención aos maiores”.

Esta iniciativa, engadiu Manuel Baltar, “vai tamén da man do reforzo do plan BenOurense, de apoio aos servizos sociais municipais, que foi o primeiro que puxo en marcha unha deputación en Galicia”. Este plan, anunciou, potenciarase con 300.000 euros máis para garantir a plena cobertura, de tal xeito que en 2023 o BenOurense Infancia e o Servizo de Axuda no Fogar Básico terán unha dotación de 1,5 millóns de euros.

O presidente do goberno provincial referiuse tamén ao Plan EmergOU, que converterá á Deputación de Ourense “na primeira administración que atende aos concellos afectados polas crecidas dos ríos neste inverno”. Cunha aportación inicial de 500.000 euros para a concesión de axudas que se regularán por concorrencia competitiva, Manuel Baltar espera que tamén se sumen a esta iniciativa “outras administracións que operan no territorio para facer o plan máis ambicioso e cubrir todas as necesidades comunicadas polos concellos”.

Manuel Baltar destacou outro programa que tamén se beneficiará do remanente de tesourería: as comunidades enerxéticas, “que ante o aumento da demanda dos concellos vai duplicar a cantidade prevista ata chegar aos 200.000 euros”. Esta iniciativa de autoconsumo colectivo busca incrementar a eficiencia, reducir as emisións de CO2 e lograr aforros de ata 30 % nas facturas de electricidade, tanto de edificios e equipamentos públicos como de fogares e pemes.

Entidades representativas fundamentais no desenvolvemento da provincia

No ámbito da colaboración con entidades destinaranse 3,5 millóns de euros “para atender as demandas dun centenar de actores representativos e fundamentais no desenvolvemento da provincia”. Así, ofrecerase soporte financeiro para proxectos de cooperación transfronteiriza, “poñendo en valor esa condición de Ourense como a provincia do Estado con maior número de quilómetros de fronteira con outra nación, como son os 219 quilómetros de fronteira con Portugal”. Tamén porase en valor a colaboración cos GDR, “iniciativa que as outras deputacións galegas non poñen en práctica”, dando cobertura aos seus gastos de funcionamento para que podan centrarse na execución de novos proxectos, como o plan Aterra do GDR A Limia-Arnoia. Ademais, ampliaranse partidas para reforzar a colaboración coas Portas do Xurés e Xurés Experience, estas últimas “actividades que teñen que ver coa promoción do territorio, dentro do ámbito deportivo, e que xeran un impacto e retorno económico que ninguén pode negar”, asegurou Manuel Baltar.

No detalle da modificación de crédito, o presidente da Deputación subliñou a colaboración cos concellos, en concreto con 166 proxectos en materia de infraestruturas viarias; optimización enerxética; cofinanciamento de obras, desenvolvemento empresarial e turístico; e medio ambiente. Neste punto está incluída a xestión do ciclo da auga, capítulo no que Manuel Baltar avanzou que xa está presentado xunto con AquaOurense o proxecto de xestión intelixente da auga, anunciado no debate do estado da provincia.

Audiovisual e ecosistema deportivo

“A Deputación de Ourense sempre formula a cultura como identidade e o deporte con maiúsculas”, declarou o presidente á hora de citar as achegas para estes ámbitos. Así, prevese o reforzo da posición de Ourense como plató audiovisual a través da captación de novas rodaxes neste 2023, ademais de potenciar o ecosistema deportivo de alto nivel con probas como O Gran Camiño, que o 25 de febreiro dará protagonismo aos concellos ourensáns afectados polas vagas de lumes do pasado verán en Valdeorras.

O Inorde, “panca clave da Deputación que sabe xestionar perfectamente recursos comunitarios con repercusión directa no territorio”, tamén está incluído na modificación de crédito coa ampliación de partidas para proxectos innovadores como un programa de emprendemento asociado á agricultura rexenerativa ou un plan piloto de dixitalización e economía circular aplicado ao castiñeiro na provincia de Ourense.

Por último “pero tamén prioritaria é a xestión directa deses 1.860 quilómetros de vías provinciais”, labor que se reforzará cun investimento de 1.500.000 euros.