O Carballiño volverá a celebrar o entroido en todo o seu esplendor. O programa oficial dará comezo este vindeiro venres ca animación de rúa da charanga CLK a partir das 20:00 horas. O sábado, entroido infantil cun obradoiro de máscaras dende as 11:30 horas ata as 13:30 horas e a partir das 16:30 horas concurso de disfraces con DJ Melo e pola noite, de novo charangas. E o domingo, ás 11:30 horas animación co grupo Tokaide, e a partir das 19:00 horas, coplas de entroido cos Liborianos.
O martes, día 21, está programado o gran desfile de Entroido. A participación está aberta a todos os colectivos que o desexen. As inscricións poden facerse ata o vindeiro día 18, en horario de oficina, de 09:00 horas a 14:00 horas no Departamento de Cultura do Concello.
Haberá oito premios para as comparsas gañadoras, dende o primeiro de 1.300 euros ata o último de 200 euros. Haberá tamén 12 accésits de 120 euros ás comparsas que non acaden ningún dos premios anteriores.