A Deputación abre unha nova vía de colaboración coa Sociedad Artística La Troya, que celebra este ano o seu centenario

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, visitou as instalacións da entidade, no barrio da Ponte, para reunirse coa directiva

Manuel Baltar comprometeu o apoio da Deputación á actividade dunha “institución senlleira no ámbito sociocultural”

AVANTAR ACTIVIDADES

“Sempre é importante estar con aqueles que dinamizan o territorio, neste caso un barrio tan importante como o da Ponte, polo que a Deputación está aí para atender as súas necesidades e cooperar no seu desenvolvemento”, resalta o presidente do goberno provincial

Ourense, 15 de febreiro de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acudiu ás instalacións da Sociedad Artística La Troya para reunirse coa súa directiva e coñecer de cerca a situación desta asociación cultural, a máis antiga do barrio da Ponte e que este mes celebra o seu centenario. Durante a xuntanza, o presidente provincial adiantou a colaboración da Deputación coa entidade cultural co fin de apoiar a súa actividade. 

Ao remate do encontro, Manuel Baltar definiu á Sociedad Artística La Troya como “unha institución senlleira no ámbito da cultura, aquí no barrio da Ponte, en Ourense”. “Neste frutífero encontro coa súa directiva”, resaltou o presidente do goberno provincial, “comprometemos o apoio da Deputación de Ourense á cooperación cos gastos de funcionamento dunha sociedade centenaria como esta e tamén para facer actividades culturais”. 

Neste proceso de “xunguir o camiño de La Troya co da Deputación de Ourense”, valora Manuel Baltar, xa se está estudando a participación da Deputación na celebración do centenario da sociedade, así como a inclusión do espazo da Sociedade Artística en actividades organizadas polo goberno provincial, como pode ser a propia ICC Week, que celebrará a súa novena edición na terceira semana de abril. 

“Sempre é importante estar con aqueles que dinamizan o territorio, neste caso un barrio tan importante como o da Ponte, polo que a Deputación está aí para atender as súas necesidades e cooperar no seu desenvolvemento”, resume Manuel Baltar.

Sociedad Artística La Troya

A Sociedad Artística La Troya foi creada en 1923 no barrio da Ponte, que daquelas pertencía ao Concello de Canedo. Esta asociación cultural foi experimentando pouco a pouco un crecemento no número de membros, converténdose no centro social do barrio e nunha potente ferramenta de dinamización comunitaria. 

La Troya ten atravesado diferentes fases durante os seus cen anos de vida. Nos anos de máxima plenitude desenvolveu actividades de grande éxito como a creación dun coro, a celebración de certames de poesía ou a constitución de equipos de baloncesto, xadrez, tenis de mesa ou billar. Outro dos fitos desta asociación foi a creación da rondalla Os Enxebres, que tivo un grande éxito por toda España. 

A día de hoxe, con máis dun centenar de socios, La Troya sigue sendo un punto de encontro da sociedade do barrio. Entre as actividades organizadas recentemente destacan as conferencias, obras de teatro e diferentes concursos infantís cos institutos da contorna.