O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, reuniuse esta mañá co fotoxornalista autor desta iniciativa, Amador Lorenzo, para coñecer os detalles do proxecto e avanzar a cooperación na edición do libro
O traballo está conformado por un conxunto de fotografías realizadas no Macizo Central Ourensán, na Serra de Queixa
Segundo Amador Lorenzo, esta é “unha homenaxe ao territorio e ao labrego desde un punto de vista contemporáneo, a través dun traballo que empatiza co espectador, pois está feito dende a propia experiencia na zona, e a vez é un berro de dignidade”
Ourense, 13 de febreiro de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo esta mañá un encontro no Pazo Provincial co fotoxornalista Amador Lorenzo para coñecer os detalles dun proxecto de documentación fotográfica contemporánea realizado polo autor no Macizo Central da provincia.
O proxecto, cuxo título provisional é “Ósos”, arrincou no 2014 e agora, sete anos despois, recollerase na edición dun libro no que colaborará a Deputación de Ourense.
O traballo está conformado por un conxunto de fotografías realizadas no Macizo Central Ourensán, na Serra de Queixa, “que recollen o modo de vida dos veciños da contorna, un territorio especialmente rico en patrimonio natural e cultural ameazado pola despoboación”, explica Amador Lorenzo, que propón “un diario visual do Macizo Central e dos seus habitantes”.
O proxecto, resalta o fotoxornalista, “non amosa o rural como algo exótico, reflexiona de maneira crítica sobre o fenómeno do despoboamento, recrea a atmosfera da paisaxe galega, os cambios producidos polo chamado progreso, o propio fenómeno do cambio climático e documenta a dureza da vida nestas latitudes de maneira subxectiva”.
Esta mostra de documentalismo contemporáneo é definida polo seu autor coma “unha homenaxe ao territorio e ao labrego desde un punto de vista contemporáneo”. “É un traballo que empatiza co espectador, pois está feito dende a propia experiencia na zona, e a vez é un berro de dignidade”, explica Amador Lorenzo.
O obxectivo de Lorenzo é levar este libro ao circuíto europeo da creación fotográfica. Ademais, nun segundo eixo de actuación está a posibilidade de dar forma ás pezas audiovisuais recollidas polo fotoxornalista durante as súas xornadas de traballo no Macizo Central.
O autor
Amador Lorenzo Blach (Bueu, 1976) é un fotoxornalista contrastado no panorama fotográfico galego. Ten colaborado con diferentes medios como Xornal de Galicia, Diario Marca ou El País, e o seu traballo foi recoñecido en certames de renome no mundo da creación fotográfica como o Premio Luís Ksado ou o Premio de Fotoxornalismo Pablo L. Orosa.