A Xunta e o Concello de Cenlle avalían a posibilidade de colaborar nun proxecto municipal para humanizar a praza de Barbantes, tal e como acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Rebeca Sotelo, nunha reunión mantida recentemente.
A obra, cun orzamento estimado de máis de 350.000 euros, podería encaixar nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, e se a Consellería decide apoiar o proxecto, o Goberno galego financiaría o 70% e o concello o 30% restante.
Concretamente, a actuación pretende facer a zona máis cómoda e transitable para vehículos e peóns. Os traballos consistirían na substitución do pavimento de asfalto e formigón actual por lousas de granito de cor escuro e bordo recto para delimitar as zonas de xardín.
En canto ao mobiliario, colocaríanse paneis cubre contedores, bancas e xardineiras de diversos tipos. Tamén se instalaría unha rede de recollida de augas pluviais con sumidoiros e pozos de rexistro. Por último, procederase a decorar a zona con flores e plantas.
Cómpre lembrar que desde a posta en marcha do Plan Hurbe se mobilizaron ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. No caso concreto do Concello de Cenlle, nos últimos anos leváronse a cabo 5 actuacións de humanización e mellora do mobiliario urbano ao abeiro deste plan por un importe de máis de 195.000 euros.
Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.