O Concello do Carballiño aproba a acordo para asinar un convenio coa Hidrográfica para acometer a remodelación da Rúa Ourense

O Concello do Carballiño aprobou hoxe, en sesión extraordinaria, o acordo para asinar o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que o organismo de cunca acometa as obras de remodelación da Rúa Ourense. Este acordo será o último paso para que comecen as obras e a última das iniciativas da colaboración que manteñen o Concello e a Hidrográfica para facer realidade este agardado proxecto. Unha remodelación que porá fin aos problemas históricos que se veñen padecendo neste tramo e que a administración local foi arranxando ata o de agora con fondos propios.

O investimento para facer realidade a remodelación da Rúa Ourense será de máis de 1,7 euros, xa que a Hidrográfica destinará 1,4 millóns ao proxecto e o Concello do Carballiño, segundo se aprobou hoxe en pleno, contribuirá ás obras cunha aportación de 350.677 euros, repartidos en dúas anualidades, o que suma 1.750.677 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello do Carballiño asinaron no seu día un convenio de colaboración para a remodelación da Rúa Ourense. Unha iniciativa que se desenvolverá por parte da Hidrográfica e cuxa actuación lembraba o presidente do organismo de cunca, José Antonio Quiroga, nunha visita á vila para coñecer sobre o terreo as obras que se están a desenvolver nun tramo xunto ao río Arenteiro.

 A redacción do “Proxecto de renovación de canalizacións e acondicionamento da Rúa Ourense en O Carballiño” xa foi adxudicada no seu día pola Hidrográfica e o mesmo contempla unha remodelación integral da rúa que incluirá a renovación total das canalizacións dos servizos, o soterramento do cableado, a retirada de postes e outros elementos que ocupan na actualidade a beirarrúa e humanización da mesma con mobiliario urbano, plantación de novas árbores e creación de zonas axardinadas. O obxectivo que se persegue coa actuación é potenciar a Rúa Ourense como porta de entrada á vila e convertela nunha rúa máis do centro urbano do Carballiño.

Segundo consta na proposta para acometer as obras a situación da rúa é de mal estado polas circunstancias que se foron derivando do desenvolvemento urbano da vila. A expansión do núcleo urbano cara a Maside, a creación de novas instalacións ou servizos que contan cunha importante demanda e, sobre todo, a proximidade do enlace coa AG-54 teñen aumentado a afluencia de persoas e de poboación no entorno, provocando un déficit na capacidade de servizo das instalacións existentes.

No caso dos pavimentos das beirarrúas os mesmos están deteriorados (ao ser terrazo de formigón moi antigo que non ten contado co mantemento axeitado, polo que moitas están soltas ou rachadas), os bordes están desaliñados e as raiceiras das árbores teñen levantado o pavimento nalgunhas zonas. A reposición e execución de novos servizos nos últimos anos provocou a reposición con distintos pavimentos (formigón, asfaltado…) polo que a rúa presenta deficiencias construtivas nas súas dúas marxes, circunstancia que impide o desprazamento dos peóns con certa seguridade, pero sen contar coas medidas mínimas de accesibilidade que se esixen na actualidade.

Polo que respecta ás diferentes canalizacións (saneamento, abastecemento, pluviais) dúas son as problemáticas principais: a antigüidade das redes e a falta de capacidade das mesmas. O alumeado tamén presenta unha situación deficiente: con luminarias sobre postes de formigón, que están chantados no medio da beirarrúa e resultan un obstáculo para os peóns, e un cableado aéreo que provoca un importante impacto visual. No caso das redes de telecomunicacións o diagnóstico é o mesmo que o referido ao alumeado público: cableado sobre as fachadas ou en aéreo apoiado en postes de formigón ou de madeira.

Como consecuencia da análise realizada a proposta que vai acometer a Confederación Hidrográfica Miño-Sil pasa por realizar unha actuación integral en todo o ámbito da rúa comprendido entre a Rúa 25 de Xullo (é dicir, dende o límite municipal co Concello de Maside) ata a rúa Celso Emilio Ferreiro.

A remodelación incluirá a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e alumeado, e unha mellora substancial nas redes de enerxía eléctrica e telecomunicacións co obxectivo de eliminar o cableado aéreo e das fachadas dos edificios para proceder ao seu soterramento.

A actuación creará unha nova tipoloxía e xeometría da Rúa Ourense, dotándoa de zonas habilitadas para aparcamento e delimitando os carrís de circulación, que ata o de agora non estaban delimitados.

Aumentarase a superficie das beirarrúas para mellorar a accesibilidade, dotando á rúa de zonas reservadas para aparcamento de persoas con mobilidade reducida e creando pasos de peóns accesibles.

Tamén se procederá a dotar á rúa de mobiliario urbano, bancos, papeleiras, zonas axardinadas e árbores que urbanizarán o entorno e mellorarán o aspecto visual, convertendo deste xeito á Rúa Ourense nunha rúa máis identificada coa área urbana que cunha estrada de acceso ao núcleo urbano do Carballiño.

As intervencións permitirán erradicar o importante problema existente nas infraestruturas de servizos, ao tempo que se mellorará notablemente a accesibilidade e mobilidade dos peóns, así como unha regulación do tráfico como “elementos de calmado” que permitirán integrar a Rúa Ourense no centro do Carballiño.

Algúns aspectos a destacar

O tramo de actuación do “Proxecto para a renovación de canalizacións e acondicionamento da rúa Ourense en O Carballiño” está comprendido entre o límite con Maside (a rúa que vai entre a Ourense e a 25 de Xullo á altura dun supermercado) e o cruce coa Rúa Celso Emilio Ferreiro (rotonda).

A intervención contempla a construción de dous muros de contención ao longo do traxecto.

As beirarrúas terán un ancho mínimo de 1,80 metros. En varios tramos o ancho será de 4 metros e hai algunha zona na que o ancho chegará aos 9 metros.

A nova configuración da rúa evitará o aparcamento en dobre fila.

Haberá varios pasos de peóns elevados, para regular a velocidade do tráfico.

No entronque da Rúa Ourense coa Rúa 25 de Xullo contémplase a creación dunha pequena rotonda, a mesma permitiría distribuír o tráfico neste punto cunha maior efectividade, sobre todo ao localizarse xunto a un supermercado de grandes dimensións que conta cunha elevada afluencia de vehículos.

A creación dunha nova rede de pluviais erradicará unha situación que se viña dando ata o de agora, como era a de incrementar o volume de vertido á estación depuradora ao non estar separada a rede nunha parte importante do trazado.

Para o novo alumeado público instalaranse 35 columnas e 39 luminarias (algunhas delas están fixadas en fachadas). As novas luminarias levarán aparellado un importante aforro enerxético.

Ao longo do tramo plantaranse 45 árbores, da especie Acacia de Albata, e haberá varias zonas de xardineiras.

As obras a desenvolver eliminarán os vertidos que se viñan producindo debido ao mal estado do saneamento e que, pola proximidade do regato Varón (Carrás), remataba filtrándose ao mesmo.