O Psdeg-Psoe denuncia o estrepitoso fracaso de Ethel Vázquez coa mobilidade de Ourense tralas pírricas cifras logradas polo pendello da Xunta para autobuses

“O pendello do PP só logrou sumar en 2022 uns 400.000 viaxeiros e viaxeiras, case tres veces menos que a estación de ferrocarril situada ao seu lado, que a conselleira criticou”, denuncian desde o PSOE

“O fracaso é culpa das decisións erróneas” da Xunta con Ourense, á que “castigan con proxectos de escasa calidade e investimento”, advirten tras destapar a “trampa ao solitario” de Vázquez coas cifras

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 15 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE denuncia o “estrepitoso fracaso” da Xunta coa mobilidade de Ourense, logo de que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, viñera onte á terceira cidade de Galicia a presumir do “vergoñento pendello” que construíu como estación de autobuses. “O pendello do PP só logrou sumar en 2022 uns 400.000 viaxeiros e viaxeiras, case tres veces menos que a estación de ferrocarril ourensá situada ao seu lado, que a conselleira criticou, a pesar de ter moitos menos servizos e destinos que a terminal de autobuses”, denuncian.

Os e as socialistas destapan a “trampa ao solitario” de Vázquez Mourelle, quen tivo que sumar dous exercicios e incluso comparar as cifras de 2022 coas de 2021, un ano aínda con problemas de mobilidade a causa da pandemia da Covid-19, para “maquillar as cifras totais e a porcentaxe de crecemento de usuarios e usuarias do seu pendello”.

Desde o PSOE recordan que o “naufraxio da Xunta” coa estación de autobuses ourensá é “tan evidente”, que as cifras de viaxeiros e viaxeiras que empregan outras paradas de autobuses interurbanos dentro do municipio ourensán -máis de medio millón- supera con creces a de persoas que empregan a terminal da Xunta. “A veciñanza evita usar o pendello da Xunta porque está mal deseñado e peor executado, ademais de ser un atentado contra o urbanismo sostible e a estética urbanística”, denuncian antes de resaltar que “as queixas das persoas que por alí pasan son recorrentes”.

“O fracaso da terminal de autobuses ourensá é culpa das decisións erróneas e das deficientes políticas de mobilidade da consellería Vázquez con Ourense”, cidade á que “castiga recorrentemente con proxectos de escasa calidade técnica e investimentos minúsculos”. Por iso, desde o PSdeG-PSOE ourensán reclaman un “cambio radical” da conselleira coa terceira urbe galega, que pasa por “sentarse a falar coa sociedade ourensá” para “poñer fin ás súas equivocadas decisións unilaterais”.

Así mesmo, os e as socialistas tamén se comprometen a “traballar arreo desde os próximos gobernos socialistas da cidade de Ourense e da Xunta de Galicia, para arranxar a desfeita executada no barrio da Ponte”, impulsando unha “terminal de autobuses digna” que non “afogue un centro de saúde” e que “rexeite tan evidentemente a cidadanía”.

Cambio nas políticas de mobilidade

Desde o PSdeG-PSOE tamén claman por un “cambio global” das políticas de Xunta. “Moitas persoas non poden acceder ao transporte público polas escasas e mal artelladas rutas autonómicas, as longas agardas e as infraestruturas inadecuadas”, denuncian antes de recordar que “moitas zonas rurais e periurbanas carecen de servizos”, o que xera unha “fonda brecha social”. “O fracaso de Ethel Vázquez en Ourense é tan maiúsculo que incluso os empresarios e empresarias do cinto industrial de Ourense, de San Cibrao e Pereiro critican os escasos servizos prestados pola Xunta para atender a maior área empresarial de Galicia”, recordan.

No PSOE consideran que a Xunta debe cambiar estas políticas de mobilidade centradas só no autobús, porque non están a atender as necesidades reais da veciñanza”. “Poñer o foco só no autobús non é suficiente para responder a retos como a conxestión do tráfico, a contaminación ou a eficiencia enerxética”, matizan antes de reclamar “un enfoque máis integral que inclúa alternativas como o tren de titularidade autonómica ou a bicicleta”, para que Galicia “estea en consonancia cos obxectivos globais de desenvolvemento sostible”.