O BNG preséntase como “alternativa” na Bola e na Merca fronte a un PP “indolente”

  • Teresa Garrido, líder dunha candidatura moi renovada na Merca, e Vanessa García, a número un na Bola que volve contar coa experiencia de militantes históricas, recibiron o apoio de Luis Seara e Iago Tabarés.

A Merca, 18 de febreiro de 2023.

O BNG preséntase na Bola e na Merca “como alternativa aos gobernos indolentes” do PP, resumiu a responsábel comarcal nacionalista, Ernesta Seoane, na presentación este sábado tivo lugar das candidaturas ás alcaldías da Bola e da Merca, nun acto con veciñas e veciños no xardín exterior da Casa da Cultura da Merca e no que as aspirantes a alcaldesas, Vanessa García (A Bola) e Teresa Garrido (A Merca), contaron co apoio do deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés, e do portavoz nacionalista no Concello de Ourense, Luis Seara.

AVANTAR ACTIVIDADES

A MERCA

A candidata nacionalista á alcaldía da Merca, Teresa Garrido, centrará o seu goberno na creación de emprego no concello, coa aposta polo parque empresarial e dando apoio a quen queira crear actividades que dinamicen a economía da Merca.

Teresa Garrido comprometese a dar as voz ás asociacións, “facéndoas partícipes nas decisións que afecten ás parroquias e escoitando as súas propostas”, para así aumentar a participación social, que é inexistente co goberno actual do PP. O BNG apostará por un Plan de atracción e fixación de poboación na Merca coa aposta por servizos básicos de calidade, rachando coa dinámica do goberno actual, que non fai máis que reducir servizos e incrementar os prezos dos existentes, como se viu na suba de taxas xeral neste concello.

Na lista da Merca xa están tamén designadas a número 2, Noelia Currás, e o número 3, Fernando Conde Suárez.

A BOLA

Vanessa García, a candidata á alcaldía da Bola, Vanessa García, lembrou que “o BNG fixo o seu traballo na Bola nestes últimos catro anos”, nunha corporación na que estivo acompañada por Pedro Míguez, e a veciñanza, dixo, “está a recoñecer ese labor nas denuncias de corrupción e desleixo na xestión”. O BNG moveuse pola Bola, mesmo levando ao Parlamento español a demanda dunha nova depuradora, e comprométese a seguir movéndose xa desde o goberno, “cun equipo con xente con certa experiencia que volve arrimar o ombreiro” se en maio recibe a confianza dos electores.

Ambas candidatas coinciden na importancia da coordinación de ambos concellos e do resto de concellos da comarca, vital para a prestación de servizos básicos para a cidadanía.

Pedro Míguez será o número 2 na lista da Bola.