O paseo termal de Barbantes acolle este sábado o Campionato Galego de Inverno de Piragüismo de K-1 e C-1

Presentación do campionato galego de piragüismo K1-K2 en Cenlle. Participan Rosendo Fernández (Vicepresidente da Deputación Ourense), Gabriel Alén Castro (Delegado da Xunta de Galicia en Ourense), Rebeca Sotelo Fernández (Alcaldesa de Cenlle), Jose Alfredo Bea Garcia (Presidente da Federación Galega de Piragüismo) e Jose Luis Fernández Bermejo (Presidente de Peragüismo Ourense).

A área termal de Barbantes, no concello de Cenlle, será este sábado o escenario do Campionato Galego de Inverno de Piragüismo na modalidade individual K-1 e C-1. 

Esta competición, organizada pola Federación Galega de Piragüismo e o club Piragüismo Ourense co apoio da Deputación de Ourense, reunirá a 41 equipos e a uns 500 deportistas divididos entre as categorías xuvenil, sénior e veterano. A cifra de participantes supón un incremento en comparación coa anterior edición. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta edición do campionato, a segunda consecutiva celebrada en Barbantes, celebrarase este sábado, 25 de febreiro, a partir das 10,00 horas e terá un percorrido de 5.000 metros para todas as categorías. Esta regata supón a continuación da celebrada o pasado 11 de febreiro na área termal de Barbantes, inscrita tamén no Campionato Galego de Inverno de Piragüismo mais na modalidade K-2 C-2.