Mocións do Bng de Ribadavia para tratar no Pleno: Medidas para defender os dereitos das mulleres e para favorecer a habitabilidade das vivendas inacabadas

AVANTAR ACTIVIDADES

MOCIÓN A PROL DE MEDIDAS ENCAMIÑADAS A GARANTIR E DEFENDER OS DEREITOS DAS MULLERES ASÍ COMO PROMOVER A IGUALDADE REAL ENTRE MULLERES E HOMES

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O 8 de marzo é, desde hai máis de cen anos, unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. Máis aínda, nos últimos anos, a forza do feminismo galego conseguiu desenvolver mobilizacións absolutamente históricas nas que o noso país amosou o seu compromiso coa construción dunha sociedade máis xusta.

Hoxe en día, malia os avances que temos conquistado, estamos a ver como os dereitos tamén se poden perder. O cuestionamento da existencia da violencia machista cando estamos a ser asasinadas ou violadas, o cuestionamento dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos ou o intento de normalizar que sexan os nosos lombos os que soportan a degradación dos servizos públicos son perigos vixentes.

Neste senso, malia os dereitos conquistados nas últimas décadas –grazas á loita feminista– é preciso seguir impulsado medidas encamiñadas a garantir o cumprimento dos dereitos e obrigas recoñecidos a día de hoxe na lexislación vixente; impulsar novas políticas e seguir a traballar de maneira transversal en todos os ámbitos para conquistar novos dereitos e impedir calquera retroceso nos xa recoñecidos.

Por iso, é necesario neste 8 de marzo recoñecer os dereitos conquistados, recoñecer a fortaleza do feminismo galego e apoiar as súas mobilizacións publicamente. Así mesmo, esta situación esixe tamén medidas específicas, deseñadas con perspectiva de xénero.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.A Corporación municipal de Ribadavia mostra o seu apoio ás distintas mobilizacións convocadas polo feminismo galego o 8 de marzo en defensa dos dereitos das mulleres e o seu compromiso por promover a igualdade real entre mulleres e homes.

2.A Corporación Municipal de Ribadavia insta á Xunta de Galiza a:

            1. Creación do Instituto Galego das Mulleres como organismo público encargado de deseñar, impulsar, asesorar e avaliar as políticas de igualdade e promover a sensibilización da sociedade co obxectivo de conseguir a igualdade real entre mulleres e homes en Galiza.

2. Creación da Unidade de saúde integral das mulleres, que planifique, coordine e impulse unha estratexia de atención integral na que se establezan liñas prioritarias de investigación en saúde da muller que permita avanzar no coñecemento das doenzas que afectan ás mulleres, revisar os patróns de síntomas e seguir a evolución das enfermidades. Así mesmo, atenderá a incorporación do enfoque de xénero en todo o proceso de formación e garantirá a abordaxe de xénero na atención sanitaria.

3. Creación da Valedoría das Mulleres con capacidade para sancionar administrativamente ás empresas que cometan accións de discriminación salarial ou profesional por cuestións de xénero

4. Estender o protocolo xudicial encamiñado a impedir a re-vitimización das mulleres vítimas de violencia sexual durante o proceso xudicial.

5. Elaborar un Plan de extensión dos servizos públicos en materia de coidados incrementando o número de prazas públicas de escolas infantís, centros de día e de discapacidade co obxectivo de garantir a co-responsabilidade social.


MOCIÓN SOBRE MEDIDAS PARA FAVORECER A HABITABILIDADE DAS VIVENDAS INACABADAS NO CONCELLO DE RIBADAVIA.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

No noso concello existen diversas edificacións que se atopan sen rematar e sen que existan perspectivas de que os seus promotores as vaian finalizar.

Ao mesmo tempo, o noso é o concello da provincia que en relación á súa poboación ten máis persoas inscritas (o terceiro da provincia en números absolutos, só por detrás de Ourense e O Carballiño) no Rexistro de demandantes de vivenda xestionado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Das 26 persoas inscritas no mesmo, 2 buscan comprar vivenda e 24 buscan vivenda en réxime de alugueiro.

Polo tanto, no noso concello existe un problema de acceso á vivenda que está prexudicando ás persoas con rendas insuficientes para mercar vivenda, xa que a buscan en réxime de alugueiro, e estase tamén dificultando o asentamento de poboación, que ademais cabe supoñer que se trata maiormente de poboación xove que xa non asentará en Ribadavia o seu proxecto de vida.

Diante desta realidade corresponde ao Concello de Ribadavia actuar para promover a  finalización e o uso das vivendas que actualmente se atopan inacabadas e desocupadas.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

PRIMEIRO. O Concello de Ribadavia adoptará as medidas legais que se atopan previstas para favorecer o remate das edificacións que se atopan inacabadas, especialmente no caso de edificios con varias vivendas.

SEGUNDO. Unha vez rematados, o Concello de Ribadavia promoverá a oferta deses inmobles como vivenda habitable.

TERCEIRO. O Concello de Ribadavia outorgará desgravacións fiscais en impostos municipais (IBI, ICIO) ás edificacións que sexan rematadas e pasen a ser habitadas en réxime de alugueiro social para incentivar esta necesaria habitabilidade de vivendas. 

CUARTO. A corporación municipal de Ribadavia demanda o apoio doutras administracións para desenvolver este programa.