Marina Ortega do grupo socialista denuncia que Galicia está “á cola do estado” en canto á protección de persoas por debaixo do límite da pobreza

O grupo socialista denuncia que galicia está “á cola do estado” en canto á protección de persoas por debaixo do límite da pobreza, polo que esixe medidas á xunta para axudar ás familias sen recursos

Marina Ortega sinala que as máis afectadas pola pobreza son as familias monomarentais galegas, o que agrava os datos de pobreza infantil

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023. A parlamentaria do grupo socialista Marina Ortega, denunciou este xoves que Galicia está “á cola do Estado” en canto á protección ás persoas que viven por debaixo do limiar da pobreza, polo que esixe medidas á Xunta para axudar ás familias sen recursos. Alertou de que as familias monomarentais son as máis afectadas pola pobreza na comunidade autónoma, o que agrava a situación da pobreza infantil.

A representante socialista preguntou ao director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, na comisión 1ª do Parlamento de Galicia, sobre os esforzos que está a realizar a administración galega para que as persoas en risco de exclusión social poidan acceder á RISGA e ao Ingreso Mínimo Vital, ao ser responsabilidade do goberno autonómico facelo posible.

Recordou que xa se aprobou o IMV polo goberno central no 2020, e que dende ese momento o goberno galego xa tivo tempo de adaptar a normativa. A pesar de recoñecer certos esforzos da Xunta durante a pandemia, incidiu en que non o mantiveron no tempo e as familias galegas teñen que facer actualmente fronte á inflación sen ter acceso á tarxeta básica de compra de alimentos. Polo que pediu que se retomase de inmediato a Tarxeta Básica tal e como solicitaron de xeito reiterado as asociación que loitan contra a pobreza.

Destacou o traballo do executivo liderado por Pedro Sánchez para estender o Ingreso Mínimo Vital para que chegue cada día a máis xente, sendo 71.000 os galegos e galegas beneficiados, así como no incremento desta axuda para adaptar as políticas sociais estatais ás circunstancias derivadas da inflación.

Ortega subliñou a importancia de chegar a máis xente ao estar Galicia “á cola do Estado” en canto á protección ás persoas que están por debaixo do limiar da pobreza, xa que segundo o informe da Rede Europea Contra a Pobreza, só chega ao 5% delas, un dato aínda máis negativo ao comparalo con outras comunidades autónomas, como o País Vasco que logra dar cobertura ao 60% das mesmas.