O grupo socialista esixe o cese do director xeral de gandaría pola mala xestión dos fondos para os produtores ecolóxicos

Martín Seco reclama á Xunta que asuman o seu erro e rectifiquen a súa decisión que está “abocando aos produtores ao abandono da súa actividade”

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023. O parlamentario do grupo socialista, Martín Seco, esixiu este martes no Parlamento de Galicia o cese do director xeral de Gandaría e máximo responsable da axudas do FOGGA pola mala xestión dos fondos para os produtores ecolóxicos, reclamando ao mesmo tempo ao goberno galego que rectifique e evite o abandono desta actividade.

AVANTAR ACTIVIDADES

O socialista levou á cámara galega unha iniciativa finalmente rexeitada polos votos do PP, coas demandas dos produtores ecolóxicos que quedaron sen axudas pola planificación directa do goberno galego, en concreto da Consellería de Medio Rural. O que en primeiro lugar os socialistas pensaban que era un erro, agora Seco denuncia que claramente é “unha decisión meditada que fala da súa falta de intereses”.

Seco expuxo algúns datos de relevancia para entender a importancia deste sector, como que o 60% dos produtores de alimentos estará xubilada no 2030, mesmo ano no que Galicia ten que cumprir a directriz da Unión Europea no Pacto Verde para que o 25% da superficie agraria útil sexa de produción ecolóxica, estando na actualidade nun 5%. A esta situación súmase a incerteza deste sector pola súa situación na PAC do período 2023-2027.

Denunciou que a solución da Consellería de Medio Rural é deixar fóra das axudas europeas en 2022 ao 86% das producións agrícolas e 83% das gandeiras que as solicitaron para a súa conversión en produtoras ecolóxicas. Así mesmo, non empregar 2,5 millóns de euros para axudar a todos estes produtores, sendo que esta área ten 700 millóns de euros no seu orzamento.

O representante socialista esixiu por esta xestión o cese do director xeral de Gandaría e máximo responsable do FOGGA, xa que cada día que pasa no seu posto é “un insulto” aos produtores ecolóxicos, que recibiron a resposta do goberno de que “o diñeiro para agricultura ecolóxica é o que é e non hai máis”.

O deputado socialista incidiu tamén na importancia das axudas do segundo piar da PAC para o sector ecolóxico, que “non son unha limosna”, senón que son axudas nun 75% para complementar as rendas dos produtores que realizan “un esforzo técnico e económico por coidar o noso medio ambiente”.

Martín Seco remarcou algunha historia particular destes agricultores, en moitas ocasións xente moza que busca “darlle vida ao rural” e que cumpren unha “labor esencial” en zonas con datos demográficos preocupantes, a maiores do seu labor medioambiental e favorable á saúde das persoas.

Persoas mozas afastadas das posicións partidistas e que só buscan unha solución para garantir a supervivencia das súas explotacións, para as que Seco pediu “unha mensaxe clara de apoio a instaurarse no rural” por parte do goberno galego para estes 300 produtores que quedaron sen axudas no 2022. Reclamou directamente aos deputados do Partido Popular que non sigan metidos na súa “burbulla de poder na que viven” e rectifiquen a posición do seu goberno.