O parlamento aproba unha iniciativa do grupo socialista para esixirlle á Xunta que execute tódolos fondos dispoñibles para vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro

Eduardo Ojea advirte que a demanda de vivenda de promoción pública en alugueiro triplica á oferta disposta polo goberno galego

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023. O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que execute tódolos fondos dispoñibles para vivenda de promoción pública, sinaladamente en réxime de alugueiro. O portavoz de Vivenda, Eduardo Ojea, presentou esta iniciativa na que alerta da baixa execución por parte do goberno galego, que só executou o 3,4 por cento do programa de acceso á vivenda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ojea considera “fundamental que a Xunta avance na execución” dos fondos dispoñibles, dos que dependen novos investimentos, sinalou que “o Executivo autonómico ten todas as competencias neste ámbito” segundo o Estatuto de Autonomía, polo que “é a súa obriga dar solucións reais ante a grande dificultade para acceder ao alugueiro en Galicia”.

O responsable socialista advertiu do escaso interese do goberno galego pola vivenda de promoción pública, que pasou de construír 11.602 vivendas durante o goberno presidido polo socialista Touriño ás apenas 633 rematadas entre 2015 e 2021. Neste momento, advertiu, hai máis de 15.000 demandantes de vivenda de promoción pública, o triplo da oferta dispoñible polo goberno galego.

Advertiu que as familias con menos ingresos rexistran “cada vez máis dificultades para acceder a unha vivenda”, mentres os prezos dispáranse, aumentando máis dun 35 por cento dende 2015 nas sete grandes cidades galegas.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

1. O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que execute todos os orzamentos que ten propios e procedentes do Plan estatal de acceso á vivenda 2022/2025 e dos fondos europeos para a construción de vivendas destinadas ao alugueiro.

2. O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que transfira todos os fondos que, en materia de vivenda, pertencen lexitimamente á Comunidade Autónoma de Galicia, en canto titular estatutario das competencias nesta materia (artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia)”.