Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VIII): “planificación urbanística e ordenación territorial”

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.

Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade  Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Consultor  medioambiental especialista en ecoloxía aplicada e en servizos  ecosistémicos.

En anteriores semanas vinlles falando de cuestións referidas á calidade da nosa atmosfera, á xestión da auga, á conservación da biodiversidade, á xestión dos residuos ou á mobilidade. Nesta ocasión toca a ordenación territorial.

PUBLICIDADE ELECTORAL

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de O Carballiño, que define os elementos fundamentais da estrutura xeral adoptada para a ordenación urbanística do seu territorio, foi aprobado definitivamente en marzo do ano 1999, polo que xa está a piques de cumprir os vinte e cinco anos de vixencia.

Moitos e variados foron os cambios acaecidos nestas dúas últimas décadas, tanto na sociedade galega como na carballiñesa, fundamentalmente no que se refire á estrutura e a idade da poboación, á actividade económica e inmobiliaria ou ás vías de comunicación.

Non obstante, a pesar do tempo que pasou, o diagnóstico da caracterización demográfica realizada na Memoria do Plan Xeral do 99 é coincidente co que se deriva da análise da situación actual en todo o que se refire ao crecemento continuado do núcleo urbano do Carballiño, á diminución lenta pero continuada da poboación nas parroquias do rural, ao envellecemento da poboación e ao crecemento natural regresivo da poboación.

En 1998 a poboación do Carballiño era de 12.170 persoas e en 2021, último ano para o que hai datos oficiais, o número de persoas que vivían no municipio situouse en 13.911 persoas. Como fenómeno de nova aparición estaría que o crecemento da poboación na actualidade débese fundamentalmente á chegada de persoas procedentes doutros países e especialmente do continente americano. En 2021, os habitantes empadroados no Carballiño que naceron noutros países ascenden a 2.561 habitantes, dos cales case as tres cuartas partes, 1.887 habitantes, son nados en América.

A poboación rural, que no ano 2000 ascendía a 2.979 habitantes descendeu ata os 2.320 habitantes no ano 2021, unha diminución do 22,2%. O único núcleo que incrementa a súa poboación de forma significativa é o de Señorín. Para o lector que queira coñecer a variación experimentada polos diferentes núcleos de poboación do municipio achégase ao final deste artigo unha táboa descritiva.

No que se refire aos aspectos económicos, sobresae o retroceso da agricultura e o incremento dos sectores servizos e industrial.

No tacante ás vías de comunicación destaca a construcción da autoestrada AP-53, que transformou totalmente a accesibilidade á comarca.

No plano urbanístico, segundo datos do INE no ano 2001, había en Carballiño 3.428 edificios e en 2011 ascenderon a 4.039 edificios, é dicir, o 85% das edificacións existentes foron construídas con anterioridade á entrada en funcionamento do PXOM.

Tamén é significativo que a gran maioría das vivendas do centro urbano do Carballiño son anteriores á Lei da Ordenación da Edificación do ano 1999, ano este en o que tamén foi aprobado o vixente PXOM, e por suposto moi anteriores ao actual Código Técnico da Edificación, que data do ano 2006.

Deste xeito, unha boa parte dos edificios presentan problemas de accesibilidade para as persoas maiores ou teñen dificultades para satisfacer unhas necesidades enerxéticas racionais de climatización. A escasa calidade estrutural dalgunhas vivendas mesmo está a dar lugar á formación de bolsas de certa marxinalidade.

Tendo en conta a antigüidade do parque inmobiliario, un obxectivo a acadar debe ser mellorar a súa calidade e confort apostando por enfoques integrais, de modo que a mellora da habitabilidade vaia acompañada dunha mellora da eficiencia enerxética, da accesibilidade, da conservación e da seguridade da utilización dos edificios.

Asimesmo, desde a aprobación do PXOM fóronse aprobando ata sete Modificacións Puntuais, para ir saíndo do paso segundo as urxencias urbanísticas de cada momento.

Dado o tempo transcorrido desde a aprobación do PXOM, e tendo en conta todo o sinalado anteriormente, cabe concluír que este se atopa desfasado e que non ten capacidade operativa para dar resposta ás actuais necesidades sociais e económicas do concello de O Carballiño.

Dada a transcendencia desta cuestión, é de capital importancia que cada un dos diferentes grupos políticos definan de maneira pormenorizada cal é o seu Modelo Estratéxico de Desenvolvemento do Carballiño para os próximos trinta anos

Unha boa parte destas determinacións deberíase materializar nunha profunda Revisión do vixente PXOM. Como punto de partida, e para contribuír ao debate, propoño unhas cuantas ideas básicas para a reflexión:

  • Necesidade da identificación e valoración da carencia, suficiencia ou excesiva capacidade do chan actualmente dispoñible clasificado como residencial no núcleo urbano (solares, áreas de reparto,…), para responder á demanda habitacional dos próximos 20-30 anos, así como a súa aptitude e idoneidade para dar satisfacción a este fin.

Neste sentido, débese lembrar que tendo en conta a permisibilidade edificatoria do Plan vixente, no ano 2014, con goberno municipal a cargo do Partido Popular naqueles momentos, xa se elaborou un Avance dun novo PXOM no que se restrinxían as superficies edificables adaptándoas a unha realidade máis acorde coa vocación do chan e coas necesidades de crecemento do municipio.

Como dato para a reflexión, débese subliñar que a maior parte das “Áreas de reparto” do PXOM están sen desenvolver.

  • Conveniencia de concretar accións a tomar para desenvolver o potencial estratéxico da rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbana, que fagan viable e posible un desenvolvemento urbano máis intelixente, sostible e socialmente inclusivo. En particular, entre outros, débense tratar os aspectos referidos as carencias de accesibilidade, a falla de eficiencia enerxética ou a disfuncionalidade das plantas a pé de rúa.
  • Interés de realizar una avaliación da repercusión da normativa urbanística da Xunta de Galicia, en relación co regulamento de habitabilidade, para facilitar a conversión de baixos comerciais en vivendas.
  • Necesidade do establecemento dun balance entre a capacidade de rehabilitación do parque inmobiliario e a repercusión da conversión de baixos comerciais en vivendas, xunto co chan dispoñible en solares baleiros e o chan residencial pendente de desenvolver, fronte ás previsións das necesidades futuras de chan. O obxectivo será evitar a destrución de novos chans e compactar o caso urbano.
  • Ventaxas de definir actuacións necesarias para garantir a protección do territorio sugundo ás características intrínsecas do chan, independentemente do seu potencial aproveitamento derivado de consideracións urbanísticas.
  • Necesidade de realizar unha valoración da capacidade residencial do chan nos núcleos rurais, semellante a realizada no núcleo urbano, pero neste caso na súa función de conservación dos valores naturais, que son os propios destes espazos.
  • Conveniencia do deseño de medidas para dar resposta á repercusión da colosal nova área industrial, que ocuparía máis de 2.000.000 m2 de superficie, no parque inmobiliario, nas infraestruturas dotacionais do municipio e, en xeral, á súa trascendencia nunha configuración urbanística de futuro.
  • Interés de definir mecanismos de corrección para axustar a poboación residencial de feito ás cifras de residentes que se reflicten no padrón municipal.

No momento actual, O Carballiño necesita unha profunda reflexión sobre o seu futuro, que nos leve a DEFINIR AS LIÑAS ESTRATÉXICAS DA ESTRUTURA URBANA PARA PROMOVER UN MODELO DE DESENVOLVEMENTO SAUDÁBEL DO MUNICIPIO.

En consecuencia, cada un dos diferentes grupos políticos debería asumir como unha acción prioritaria a conveniencia da actualización e adaptación do PXOM á realidade vixente do municipio, e definir polo miúdo cal é o seu MODELO URBANÍSTICO DE FUTURO.

EVOLUCIÓN POBOACIÓN LOCALIDADES DE O CARBALÑO (Nº habitantes)
LocalidadeAno 2000Ano 2021Variación%
A Barreira2013-7-35,0
A Bubela2219-3-13,6
A Piteira169-7-43,7
A Xesteira93-6-66,7
Aguisar1710-7-41,2
Arcos199130-69-34,7
As Caldas5253+1+1,9
Bagarelas379-26-70,3
Banga8246-36-43,9
Boedes5138-13-25,5
Cabanelas8251-31-37,8
Corval20-2-100
Costoia5832-26-44,8
Covela0000,0
Dornela42-2-50,0
Elfe104-6-60
Esgueva6240-22-35,5
Fonteantiga45+1+25
Godás do Río4240-2-4,8
Larouce148-6-42,9
Longoseiros12772-55-43,3
Madarnás83-5-62,5
Medela51-4-80,0
Mesego400344-56-14,0
Mesón34+1+33,3
Mouríz6644-22-33,3
Mudelos2816-12-42,9
O Barón (S. Fiz)7856-22-28,2
O Ollal3233+1+3,1
O Torrón10181-20-19,8
Paciños7563-12-16,0
Partovia6673+7-10,6
Pol10573-32-30,5
Ponte Veiga206171-35-17,0
Ponteriza117-4-36,4
Porto de Eguas6235-27-43,5
Refoxo1320+7-53,8
Señorín256354+98+38,3
Seoane461304-157-34,1
Trigás12+1+100,0
Valeiras2719-8-29,6
Valfrío4400,0
Varille198-11-57,9
Xuio20-2-100,0
Zafra4021-19-47,5
TOTAL2.9792.320659-22,2

Evolución da poboación nas localidades. Fonte: www.foro-ciudad.com  e elaboración propia.



Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VII): “mobilidade segura e confortable”

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VI): avanzar na aplicación dos principios da economía circular

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (V): As infraestruturas verdes.

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (IV): A auga, ese ben escaso e moi valioso

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (III): Sen contaminación lumínica nin electromagnética

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (II): Gozar dunha atmósfera saudable

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (I): Gozar de confort sonoro

Otras consideraciones medioambientales para la ampliación del Polígono Industrial

Las alternativas para la ampliación del polígono industrial

La ampliación del polígono industrial en información pública

Ahorro de energía en el alumbrado público

Ahorro energético en comunidades de vecinos

Sequía y agua de boca

El protocolo de colaboración para el nuevo Centro de Salud

Chega o contedor de lixo de cor castaño ás nosas rúas

Un Centro de Salud amigable en un Carballiño saludable

Carballiño: Puerto seco de Galicia

Las claves medioambientales y sociales para la ampliación del Polígono Industrial

La ampliación del Polígono y el Paisaje

La ampliación del Polígono y el ciclo hídrico

La ampliación del polígono y el patrimonio natural

Consideraciones sobre el agotamiento de suelo empresarial

El poligono industrial de Maside

Síntese do modelo urbano “Carballiño Saudable 2030”

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (5) Coser o tecido urbano norte sur (II)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (6) Gañar funcionalidade na “Avenida”.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (7) Achegar o parque ao centro urbano