O PSOE de Punxín esixe un proxecto máis ambicioso para a área termal

O PSdeG-PSOE de Punxín cualifica de “chapuza” as obras que se están a levar a cabo na área termal do Bañiño das que segundo afirman “non aportarán solucións aos constantes problemas na canalización das augas”. As concelleiras socialistas consideran que o goberno municipal debe apostar por un proxecto “ambicioso” en lugar de por “parchéoos cutres” e converter esta zona termal nun “referente” na bisbarra.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o único obxectivo que ten o goberno municipal con estas obras “é que estean rematadas antes das eleccións para poder facer deste xeito propaganda e vender fotos dun parcheo que non vai solucionar os problemas da área termal”. As concelleiras socialistas consideran que as condicións da zona “son pésimas, co terreo totalmente encharcado e coa auga sen canalizar nas condicións idóneas”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que os traballos que se están a efectuar “non valen para nada, posto que non se van a solucionar os principais problemas que presenta a área termal do Bañiño”. Neste senso, a edil socialista explica que “o Concello está gastando os cartos dunha subvención da Xunta de Galicia para facer unha foto cos correspondentes cargos do PP e vender fume electoral”.

Peleteiro Vázquez tamén se pregunta “quen pagará despois as reparacións que haberá que facer para solucionar esta chapuza?” e critica que o goberno municipal do PP e o concelleiro non adscrito “hipoteque a futura corporación municipal cunha obra que dista moito das necesidades reais que ten o Bañiño e que implicará novos investimentos no futuro”.

Asemade, as concelleiras socialistas consideran que as obras “non se corresponden para nada co proxecto defendido polo PSdeG-PSOE” e sinalan que “nós creemos e apostamos por un proxecto máis ambicioso para a área termal do Bañiño, xa que consideramos necesario recuperar o proxecto que xa existe e que o grupo de goberno gardou nun caixón”. Dende o Grupo Municipal Socialista finalizan afirmando que “parécenos ben que se fagan dúas charcas e dous baños, nós non nos imos opor a iso, pero iso non é o que precisa Punxín”.