A Deputación prepara unha candidatura para potenciar as vilas termais e os cascos históricos da provincia con fondos europeos

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, presidiu esta mañá un encontro no Marcos Valcárcel con representantes dos dezasete concellos integrados na área de intervención do proxecto: “É unha nova oportunidade para poñer en valor a provincia e aproveitar os recursos europeos que, sen dúbida, virán ao noso territorio grazas a ese factor diferencial e competitivo que é o termalismo”

No encontro, explicou a xerente do Inorde, Emma González, “avaliáronse todas aquelas actuacións que permitan atraer poboación, xerar emprego e facer esa transición ecolóxica cara un destino sustentable na provincia de Ourense, que desde a chegada do AVE ten todo para posicionarse”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Como vilas termais forman parte da área de intervención Arnoia, Boborás, Cenlle, Cortegada, Leiro, O Carballiño, Ribadavia, Bande, Lobios, Muíños, Baños de Molgas, Monterrei, Verín, Punxín e Castrelo de Miño. E, como concello con cascos históricos, Castro Caldelas e Allariz, ademais dos xa mencionados Ribadavia e Boborás -Pazos de Arenteiro-

A candidatura estrutúrase en torno a catro eixos: transición verde e sostible; eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade

Ourense, 28 de febreiro de 2023.- A Deputación de Ourense prepara unha candidatura para presentar á convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) -financiada con fondos Next Generation-, cun proxecto específico destinado ás vilas termais e concellos con cascos antigos declarados Conxunto Histórico-Artístico, alineado co plan territorial da comunidade autónoma galega. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado pola xerente do Inorde, Emma González, presidiu esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel unha reunión con representantes dos municipios implicados neste novo proxecto. Como vilas termais forman parte da área de intervención do proxecto Arnoia, Boborás, Cenlle, Cortegada, Leiro, O Carballiño, Ribadavia, Bande, Lobios, Muíños, Baños de Molgas, Monterrei, Verín, Punxín e Castrelo de Miño. E, como concello con cascos históricos, Castro Caldelas e Allariz, ademais dos xa mencionados Ribadavia e Boborás -Pazos de Arenteiro-

Manuel Baltar afirma que o proxecto liderado pola Deputación, a través do Inorde, “é unha nova oportunidade para poñer en valor a provincia e aproveitar os recursos europeos que, sen dúbida, virán ao noso territorio grazas a ese factor diferencial e competitivo que é o termalismo”. O presidente do goberno provincial expresa a súa total confianza en lograr estes fondos “tanto polo consenso como pola unión de esforzos, o éxito e a experiencia do noso territorio, que conta con dous plans de sustentabilidade turística, un deles xestionado pola Deputación e cofinanciado pola Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo”. 

Manuel Baltar lembra que a próxima semana -o día 7 de marzo- celebrarase en Ourense a XII Conferencia Política da Confederación Europea de Poderes Locais e Intermedios (CEPLI), “onde precisamente falaremos da capacidade dos gobernos provinciais para unir ás entidades locais na execución de proxectos, como estamos a demostrar desde a Deputación de Ourense, que fortalecerá esta nova candidatura co importante aval que representa a execución doutros programas europeos”.

Pola súa banda, Emma González explica que na reunión celebrada esta mañá “analizáronse as prioridades que nos permitirán situarnos como destino turístico, especialmente no ámbito termal, onde cómpre destacar que xa formamos parte do itinerario europeo das cidades históricas con  patrimonio termal”. No encontro, dixo, “tamén se avaliaron aquelas actuacións que permitan atraer poboación, xerar emprego e facer esa transición ecolóxica cara un destino sustentable na provincia de Ourense, que desde a chegada do AVE ten todo para posicionarse”.

Un proxecto con catro eixos

O obxectivo da candidatura que estrutura o Inorde é liderar, desde unha visión integral de provincia, a transformación competitiva das vilas termais e cascos históricos. As actuacións que incluirá este proxecto xiran en torno a catro eixos: transición verde e sostible; eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. 

A transición verde e sostible comprende iniciativas de restauración ambiental, xestión de espazos naturais, implantación de economía circular, rehabilitación sostible de edificios e adaptación ao cambio climático. A mellora da eficiencia enerxética inclúe actuacións para mitigar o cambio climático, reducindo a enerxía requirida para proporcionar produtos e servizos turísticos, limitar a contaminación por carbono e estimular a transición cara a enerxías renovables, así como plans de mobilidade sostible.

A transición dixital abarca a mellora continua da cadea de valor turística no ámbito tecnolóxico, mentres que na competitividade se inclúen todas aquelas accións de xeración creación de oferta, mellora do produto, creación de equipamentos, embelecer espazos públicos e todo o relacionado coa mellora constante da xestión do destino.