O BNG non apoiará a declaración institucional proposta polo PP para o Pleno do venres pois “non ímos apoiar ningunha iniciativa de carácter belicista e contraria á paz”

Desde a formación nacionalista reiteran a súa condena pola invasión rusa da Ucraína e reiteran a necesidade de aumentar os esforzos diplomáticos que permitan comezar unha desescalada que evite a cronificación do conflito

Ourense, 28 de febreiro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense comunicou esta mañá que non apoiará a declaración institucional que o PP proporá no Pleno do próximo venres e relativa á guerra na Ucraína.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na formación nacionalista afirman estar a favor da paz e condenan calquera tipo de violencia e agresión. Igualmente afirman que logo dun ano de guerra, “quedou patente que o envío de material militar e o aumento do belicismo, ademais de engordar notablemente as contas de resultados de empresas armamentísticas, non só non solucionou o problema, senón que o agravou aínda máis”.

As consecuencias, di o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “estámolas a pagar todas e todos, non só o pobo ucraíno que, evidentemente é quen máis está sufrindo e padecendo”. Segundo Seara, “as solucións non pasan por mandar armas senón por aumentar os esforzos diplomáticos e comezar o antes posibler unha desescalada que permita resolver o conflito e non fomentalo”.

O Grupo municipal do BNG afirma que “non ímos apoiar ningunha iniciativa de carácter belicista e contraria á paz, unha paz que no BNG sempre defendemos e seguiremos a defender”.